Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

9.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - V

(Como o asunto xa me aburre, voulle dar algo de color)
16-
...a ninguén se lle escapa que, nun mundo globalizado e dirixido cada vez con maior intensidade á ruptura de fronteiras, erixir novos muros é unha estratexia que, tarde ou cedo, acabará volvéndose contra quen a promove.

Fai falta ter ben poucas luces e ben pouco mundo para identificar o estudo dun idioma co descoñecemento doutros e coa construción de “muros”.

Aitor e Ángela estiveron París. Carmen estivo nun sitio de Alemaña que non recordo. Cristian vai para Viena. Eva está en Londres; antes estivo en Torino, Erfurt e noutro sitio de Alemaña que tampouco lembro, e asistiu a cursos en varios países máis. Iván está en Munich; antes estivo en Viena, Oslo e Ljubljana. Javier está en Colorado; antes estivo en Manchester, en Carolina do Norte e noutro sitio de EEUU que tampouco recordo. Lidia está en Manchester. Lucía estivo en Londres. Fiamma está no sur de Suecia. Marlene está en Tenerife; antes estivo en Edimburgo e Dublín. Tamariña estivo en Miami. Santi estivo en Berlín... Podería seguir. Todos son reais. Todos teñen nomes e apelidos. Todos foron alumnos meus e estudaron galego cando xa se oían os mesmos ridículos argumentos que se oen agora sobre barreiras que separan. Todos saben moito máis de globalización cós garrulos que perpetraron o panfleto do CFV. Algúns deles tamén saben de condicións laborais precarias na nosa Terra.

17-
Lingua e economía
A lingua constitúe un dos principais alicerces da economía. O imparable crecemento da globalización, dos fluxos comerciais e dos procesos produtivos, a crecente internacionalización dos mercados de bens e servizos, a mundialización das actividades económicas e o amplo despregamento intercultural ou da sociedade do coñecemento, fan que as linguas teñan cada vez unha maior relación coa economía, especialmente as linguas ponte ou internacionais.
(...)

Digámolo sen voltas, que xa imos cansos desta leria: a todos nos gusta moito falar da cantidade de persoas que estudan castelán no mundo, como nos gusta exhibir o número de estudantes estranxeiros que aprenden galego nos cursos de verán da USC ou nos corenta lectorados de galego que hai en universidades de fóra, pero sabemos que, na práctica, sacado Portugal, en Europa o castelán ten a mesma utilidade có galego: NINGUNHA. E fóra de Europa os mercados emerxentes, onde a maioría dos empresarios queren colocar os seus produtos, son a India, China e Brasil, onde o castelán é igual de inútil.

Cómpre que saibamos castelán porque sería de parvos ignoralo, pero non busquemos escusas de internacionalidade que hoxe non se sosteñen.

Dentro das institucións europeas vense dando unha aposta máis ou menos decidida pola diversidade desde o Covenant on Civil or Political Rights de 1966 e, especialmente desde a Declaración de Galway –outra vez a Irlanda que tanto fascina ós redactores do panfleto- de 1975.
Pouco a pouco, os estados foron cedendo poder en dirección descendente, cara ás partes que os integran, chámense rexións, cantóns, comunidades autónomas ou como sexa, e en dirección ascendente, cara á UE. No plano lingüístico deuse unha evolución paralela: a diversidade foise facendo cada vez máis visible, evidenciándose idiomas que antes estaban absolutamente silenciados e, simultaneamente, reforzouse cada día máis o papel do inglés como lingua franca, quedando os outros idiomas estatais, entre eles o castelán, relegados a un papel cada vez máis próximo ó de linguas tradicionalmente minorizadas como é o caso do galego. Canta máis dispersión, máis concentración.

Pero a ameaza para o castelán, se é que a hai, non vén por abaixo senón por arriba. Non entendo como os que tanto se laian do perigo que seica corre o castelán nalgúns lugares de España perden munición disparando contra idiomas coma o catalán, o galego ou o éuscaro, que nada lle poden facer, e non se inmutan ante o inglés, que está entrando a saco e de frac pola porta principal. En calquera franxa de 300 Km. da área mediterránea hai moitas máis emisoras de radio e publicacións escritas en inglés cás que podemos atopar en galego, catalán e éuscaro en todo o estado. Supoñen unha ameaza para o castelán?

A min non me preocupa, que como de todo sen problema, pero os que tanto se alarman coas arganas dos xureliños deberían ter máis coidado coas do congro, que as ten aínda que se lle poidan agachar. –E aínda habedes dicir que os do interior non sabemos de peixes-.

2 comentarios:

Carvalhais dixo...

Yo soy un ciudadano del mundo y el nacionalismo es una enfermedad que se cura viajando

Anónimo dixo...

O sitio que che falta por aí arriba é Düsseldorf. Polo demais, alégrame comprobar que un dos países emerxentes é a India, co cal os meus esforzos ímprobos para aprender hindi de algo terán que valer.