Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.5.07

Viño e Terra



"Ninguén que ame os amantiños viños nosos pode ignorar que xurden da terra que pisamos e que, chegada a hora de falarlles, hai que se dirixir a eles en galego, se queremos que o acto de amor sexa consumado.
Por iso autoconvócome a non beber viño galego que non veña etiquetado no noso idioma..."


Son palabras que Alfredo Conde escribiu recentemente nunha columna de prensa.

Xuan Bello, o Cunqueiro de Paniceiros, contoume que unha vez lle oíra dicir a Manuel María o seguinte:

"Eu son un patriota galego, e como patriota galego teño que beber viño galego, e teño que beber moito para que se acabe dunha vez e poder beber Rioja, que é o que me gusta".
Eu cadro un pouco coas dúas apreciacións:
Xa escribín neste blog algo parecido ó que di o escritor e exconselleiro, pero pronunciándome de xeito menos radical: eu confórmome con que non estraguen a toponimia.
Tamén cadro algo co poeta chairego: consumo viños galegos e ata teño feito de divulgador do Mencía –e cítaseme como tal en Let's open a bottle -, pero iso non me impide recoñecer as virtudes dos viños de fóra. Gústame ben o Godello, pero agora mesmo parece que me volven ó padal as esencias dun branco de Alsacia que comprei ó chou, e non caro, nunha tenda de París. É o branco máis sabedeiro que probei na miña vida. Se chego a saber que ía saír así, traio un pipo enteiro, e creo que nos habiamos entender en galego.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

"Hai que se dirixir a eles en galego, se queremos que o acto de amor sexa consumado".
Isto lémbrame un comentario que facía un teu amigo... Como era? Que non se pode facer nonseique en castelán porque era moi difícil?

Anónimo dixo...

Plenamente de acordo co que dis. Que se publiciten en galego. Sen excluír estupendos viños doutros, hoxe os de Galicia teñen unha calidade excelente. Eu aprecio os poucos tintos que tomei de Ribera del Duero e algún Rioxa. Pero na miña casa, por calidade e prezo, os que entran son os Mencía, Albariño e Godello.
Manuel Busto