Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.5.07

Tópicos sobre a lingua galega- IV: A opcionalidade e os liberalistas

A SERIE EMPEZA AQUÍ
“Eu úsoo se quero, e se non, non. Ninguén está obrigado a sabelo”.
O capítulo anterior lévanos directamente a este, que se basea nunha confusión fácil de esclarecer. Consiste en confundir os nosos dereitos e deberes como cidadáns como tales cos que poidan corresponder como consecuencia do papel que cada un desempeña na sociedade. Creo que se pode entender ben se botamos man dunha comparación:

Ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber galego, igual que ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber conducir nin a vestir dunha determinada maneira. Pero se ese cidadán é taxista terá que ter carnet de conducir, se é futbolista, durante os partidos terá que vestir igual cós seus compañeiros de equipo, e se é un obreiro da construción, mentres estea na obra, terá que levar casco. Todos estes personaxes seguen sendo cidadáns, pero nuns determinados momentos exercen de taxistas, de futbolistas, ou de albaneis, e iso tamén implica unhas obrigas

Cada posto de traballo ten un perfil, require unha serie de coñecementos por parte da persoa que o ocupa e que, non o esquezamos, cobra por desempeñalo. E cada un deses coñecementos ten unha motivacion: se un taxista non sabe conducir, a viaxe pode ser emocionante de máis; se cada futbolista viste como queira, compadézome do árbitro que teña que distinguilos, e así con todo.

O motivo que provoca que para exercer determinados postos de traballo haxa que saber os dous idiomas oficiais ―non esquezamos que tamén hai que saber castelán, pero iso ninguén o cuestiona― é que os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en calquera deles. A Administración ten que garantir ese dereito, segundo establece a lei, e por iso se lle esixe ó funcionariado o coñecemento dos dous idiomas: do castelán, como establece a Constitución, e tamén do galego, como establecen outras disposicións legais derivadas desta: Estatuto de Autonomía, etc.

Quizá se esqueza con demasiada frecuencia que os funcionarios están ó servizo da cidadanía, que é quen lles paga o seu salario, e non ó revés. Ninguén está obrigado a ser funcionario en Galicia; se unha persoa non quere saber galego, pode dedicarse a moitas outras actividades dignas de toda consideración para as cales non cómpre saber galego. Pode montar unha mercería, por exemplo.

Pretender ocupar un posto de traballo sen reunir os requisitos que se requiren, invocando os dereitos individuais, non é máis que unha falacia.
CONTINUACIÓN
                 NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

4 comentarios:

busto.agolada dixo...

Claro coma auga. Máis elocuencia, imposible.

Anónimo dixo...

o millor , se monta unha merceria na aldea ten que saber tamen galego ¿NON? perfeito.pra min non hai problema , pero teño amigos que cando van a facer calquera xestion a Xunta , os funcionarios (que comen deles)falan somentes en galego , dun xeito que na Galiza que eu coñecin non pasaba. naquela os funcionarios tiñan unha cousa que se chama educacion nos dous idiomas.(teño fillos madrileños de trinta e cinco anos , e a mais de educacion teñen orgullo de saber falar algo de galego) eu tamen,.bicos e apertas ,. paco

Suso dixo...

Non; se monta unha mercería na aldea non está obrigado a saber galego. É problema del se se equivoca de lugar.
En canto ós funcionarios, teñen que saber galego e castelán e os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en galego ou en castelán. Os castelanfalantes tamén tedes dereitos -só faltaría!-Esixídeos.

Xabier dixo...

Anónimo, ui, que Galicia máis idílica recordas, funcionarios bilingües harmónicos. Se a educación funcionase tan ben como dis, calcula:

1.-Temos máis dun 50% de galegofalantes, na realidade dous terzos da poboación.

2.-Se as persoas fosen educadas e, por estatística só, tivesen que falar con 20 persoas ao día, o número de falantes non deixaría de
aumentar.

Se non saen as contas, déixoche a ti que penses os motivos.