Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.1.07

Noción de nación

O fracaso na negociación do novo Estatuto galego débese a un erro de estratexia: en vez de empezar por redactar o preámbulo e o articulado, deberían comezar por elaborar un glosario no que se explicase o significado da terminoloxía que se vai utilizar. E un dos conceptos que non pode faltar nese glosario é o de nación.

Non sabemos a noción de nación que cada un ten, pero está claro que non coincide. De aí o desacordo.

Ó longo da historia téñense dado polo menos dúas ducias de interpretacións deste termo. Para non ser menos, eu vou dar a miña:

Para que un conxunto de individuos constitúa unha nación, han de darse as seguintes circunstancias:
1- Que teñan un territorio delimitado ou delimitable.
2- Que teñan unha historia común (ou un sentimento da historia en común).
3- Que teñan unha cultura propia sentida como tal.
4- Que teñan vontade maioritaria e homoxénea de ser unha nación.

Con estas catro premisas, vexo na Península Ibérica só dúas nacións: Portugal e Cataluña. Que pasa co resto?

España non é porque, ademais de non haber unidade cultural real, non hai vontade homoxénea de ser unha nación; haberá vontade maioritaria, pero non é homoxénea xa que en Cataluña e Euskadi, especialmente, e en Galicia en menor grao, hai moitos cidadáns que non teñen conciencia nin vontade de pertencer á nación española.

En Euskadi tampouco existe homoxeneidade en canto á vontade de formar unha nación, xa que en Araba só unha mínima parte opta por este sentimento autoidentificativo. Ademais, o éuscaro, que é o trazo máis evidente dunha cultura propia, é a lingua de identidade dunha minoría da poboación; a maioría ten un coñecemento activo mínimo ou nulo dese idioma.

En Galicia só unha minoría demostra vontade ou consciencia de pertencer a unha nación; tampouco a cultura propia, aínda que moi coñecida activa ou pasivamente, é sentida como trazo distintivo no que sustentar un sentimento nacional.

Que son, pois?
España é unha ficción histórica; Galicia, unha comunidade antropofáxica mal disimulada, e Euskadi, algo imposible de definir.

M. Rivas tamén ten a súa versión:
NACIONALISMO
Abaixo todas as nacións,
dixo aquela especie de mendigo.
¿Todas?
Todas.
Todas, agás aquela
que dea boa sombra.
(Ningún cisne, 1989)

2 comentarios:

kinjie2004 dixo...

Very good article,I prepared a very good gift for you, please visit my blog, The best browser fo you in History

Anónimo dixo...

ler todo o blog, muito bom