Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

27.1.07

A idea do millón de dólares

Ernesto Faílde repítelle estes días á prensa, unha e outra vez, como se iniciou a Feira do Cocido. Eu sempre pensei que algo con tanto éxito sairía dunha reunión de todos os gobernantes no Mosteiro de Samos, pero seica non foi así.

Ernesto conta que uns rapaces romperan os cristais da praza de abastos, onde tiña a súa carniciería, e como non se paraba co frío, foille pedir ó alcalde que os reparase. De paso aproveitou para dicirlle que estaría ben organizar unha feira, para promocionar os produtos da zona.

Ó alcalde pareceulle ben a idea, igual que ós seus compañeiros de partida, e déronlle para adiante ó asunto. Non fixeron estudos de viabilidade, nin informes de impacto ambiental nin burocracias inútiles..

Alégrome de que o acerto, a bondade e a humildade de Ernesto teñan por fin recoñecemento público e de que pase a formar parte do cadro de honra da festa , xa que vai ser investido "comendador". Non hai que esquecer que, coa súa idea, non só foi pioneiro do cocido, senón dun costume que acabaría por asentarse en todo o país coma ningún outro: a celebración de festas gastronómicas. Aínda que ás veces cansan e parecen excesivas, ¡cantos cartiños teñen dado!
Alégrome tamén de que lle toque compartir honras con tipos coma Arguiñano ou Xulio Fernández, que parecen boa xente.

Que ben estaría subir tamén ó palco de autoridades ós nenos que escacharon os cristais da praza de abastos!

E que ben estaría que todos os concellos de Galicia tivesen un buzón, real ou virtual, para que os veciños lles fixesen chegar ós alcaldes as súas propostas. Quen sabe cantas boas ideas morren sen ser contadas.

Ningún comentario: