Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.5.09

Drogha na bebida

Entro nunha panadería e atopo unha señora despotricando porque está nas listas de espera para que a operen e non a acaban de chamar porque (palabras textuais) “como a los médicos les piden que sepan gallego no hay ninguno que quiera venir a los hospitales de Galicia” e os enfermos teñen que esperar. Sendo así, a solución é ben fácil: irse para fóra, onde non hai galego e polo tanto supoño que tampouco listas de espera. Despois a vendedora, que ademais dunha experta manexando as barras de pan, debe ser unha gran filóloga, estivo impartíndome o tema ese titulado “El gallego que se enseña en la escuela no es gallego”. A punto estiven de coller apuntamentos na barra, igual que antes facían as contas a lapis na parte traseira das petadas.

Pouco despois cae nas miñas mans un xornal que deixei de mercar pero que me acosa, e atopo esta entrevista:
http://www.lavozdegalicia.com/deportes/2009/05/06/0003_7698564.htm

O tema do idioma tardou en aparecer, pero na 9ª pregunta, saíu.

Hoxe non houbo que esperar tanto. Xa saíu na 4ª. Dá igual a quen se estea entrevistando; o asunto ten que saír e sae:

http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/05/07/0003_7700945.htm

Por suposto, dise “en algunas oposiciones”, pero non se concreta ningunha. Sería, seguramente, no mesmo lugar onde os profesores de historia, matemáticas ou filosofía non lles deixan falar castelán ós alumnos. Debe dar medo vivir nese sitio!

En Alcoa descobren de pronto que non entenden as actas do comité de empresa en galego porque poñen "estar de quendas". Como o modelo Burela anda cerca, aínda lle han botar a culpa ó amigo Bernardo.

Eu creo que é hora de organizar xa unha xira polo país para que á xente lle queden as cousas ben claras: o galego é o culpable de que haxa listas de espera nos hospitais –fóra de Galicia chegas e córtanche as dúas orellas e o rabo nada máis entrar pola porta-, de que os nosos deportistas non rendan máis, de que os nosos músicos toquen o piano borrachos coma un instrumento de percusión ata que os dedos lle empecen a sangrar un pouco, -San Bukowski nos ampare-, de que fundan as empresas, da peste dos porcos mexicanos, de que polo mar corran as lebres - polo monte as sardiñas trailará. E creo aínda que da teima de Bin Laden contra a arquitectura vertical de Manhatan.

A xente non pode esperar máis sen saber estas cousas, sen saber que na orixe de todos os nosos males está o galego. Cómpre, sen agardar, ir fusilando cada día un galegofalante para que, en pouco tempo, os poucos que queden vivan (coma galegos?) no paraíso.

Para min que alguén nos botou drogha na bebida.

1.5.09

O navegante solitario: mentiras arriscadas

Estes tempos acórdome con frecuencia do relato O navegante solitario, de M. Rivas (Un millón de vacas, Xerais, 1989):

Un día de temporal foran a pique varias embarcacións, entre elas unha tripulada por un só home, que aparecera esnaquizada contra os cons. As cámaras mostran a lancha desfeita e, a continuación, o corpo morto daquel navegante solitario tirado na area.

Mentres a TV dá conta do naufraxio e da súa morte, o navegante solitario pide outra cervexa na barra do Singapore. O taberneiro mira a tele, mira o cliente, xira o mondadentes cos labios, cuspe no serrín e di:

- Ese da televisión era vostede.
O estranxeiro asentiu.
- Polo visto, vostede está morto.

O taberneiro chama a berros o seu fillo, sóbeo á barra e dille:
- Mira, aí tés. Este señor está morto.

Non sei que pretendeu o autor con este relato, pero eu sempre o vin como unha mostra do papanatismo da xente ante os medios de comunicación. O taberneiro ten o mariñeiro diante de si, pedíndolle unha cervexa detrás doutra, pero se a tele di que morreu, entón é que está morto e nada importa a evidencia.

Facéndose eco da paranoia máis patética do novo Presidente da Xunta, os medios de comunicación falan todos os días, sen dar nomes, de profesores que non deixan que os seus alumnos lles falen en castelán nin fagan os exames neste idioma. Chegan a dicir que en Galicia os nenos só poden falar en castelán no recreo.

Como os medios de comunicación falan deles, a xente na rúa, nas tascas, á entrada dos prostíbulos e á saída da misa, tamén fala deles. É a mesma xente que sabe que o seu fillo, o seu neto ou o seu veciño fala castelán na escola cando quere e fai os exames en castelán cando lle peta.

Eu aínda estou esperando a que alguén me diga o nome dun destes profesores ou dun destes centros onde fusilan castelanfalantes ó amañecer. Ninguén os coñece. A realidade invisible.

No mesmo libro de Rivas hai outro relato (Unha visita ó mercado) que comeza:

Págoche para que me digas cando fago o parvo e non para que pases o día dándome palmadiñas –dixo o candidato.

Un asesor imprescindible que alguén esqueceu contratar. Arrepentirase.

26.4.09

Belén Rico: Domingo y os animales


A semana pasada presentouse na Veiga Domingo y os animales. Con esta nova publicación, Belén Rico Prieto pon a disposición dos rapaciños eonaviegos, e dos non tan rapaciños nin tan eonaviegos, un conto máis para ler na súa lingua, con fermosas ilustracións de Lulas Somoza.

Estiven na presentación, convidado pola autora. Daba gusto ver o auditorio da fermosa casa de cultura ateigado de xente chegada de lugares ben distantes, desde A Coruña ata Uviéu. Daría gusto igualmente que os representantes das dúas Academias da Lingua/Llingua asentadas nesas cidades se xuntasen tamén un día, a falar as cousas como as hai que falar, deixando a un lado pamplinas sen pés nin cabeza.

Mentres tanto, haberá que conformarse con escoitar e aplaudir de vez en cando a xente coma Belén, de quen me abraia a sensibilidade e o entusiasmo que transmite ó falar dos seus rapaces, da súa cultura, e de referentes coma Saramago ou Babarro, que o outro día citou alí.

Agora, que sexan os lectores quen gocen con este agasallo de Belén e que dentro de moitos anos os nenos eonaviegos sigan falando de xatíos, de raposos, de fuíñas, de curuxas e de rezcacheiros. Para min foi, en conclusión, un día de amizades vivas, de momentos agradables que un sempre soña con prolongar e repetir.

18.4.09

Poetas, cavernas e tabernas

Cando viña cara á casa, atopei vomitando nunha revolta do camiño a Curros, a Cunqueiro e algún outro que non coñecín ben. Un ata me pareceu Pessoa pero, como ese sempre se anda transfigurando, non podo afirmar que o fose.

Pregunteilles qué lles pasaba, se non lles caera ben algunha comida –estráñame que Cunqueiro, con sona de sibarita, meta ó bandullo calquera trapallada, pero nunca se sabe- ou cal era o problema.

Dixéronme que non era iso, que vomitaban de noxo, porque estes días andaran metidos en discursos en boca de quen seica lle quere meter unha xostregada nas orellas ó galego en canto poida. É alí os deixei, por non saber qué dicirlles ante a evidencia. É ben triste a nosa historia, cun pé sempre nas cavernas.

Un pouco máis arriba, atopei a Alberti coas súas ghedellas ó vento, pegando saltos por encima dun comareiro coma un neno pequeno. Seica choutaba de alegría porque alguén lle dixo que no Bar de Marco, na Piazza di Santa Maria in Trastevere (Roma), está aínda pendurado na parede un poema seu que escribiu alí mesmo en 1969.

Eu descubrino hai 13 anos e a semana pasada quixen comprobar se aínda seguía no sitio ou se o desterraran. E alí segue, ben mimado. Cando lle preguntei ó encargado se podía fotografalo, noteille na mirada, ó dicirme que si, unha faísca de alegría, de orgullo por aquel tesouro que se mantén desde hai décadas en lugar privilexiado.

É que os poetas non gozan en boca de políticos. Prefiren as tabernas, onde está a vida, a poesía... e o viño.

15.4.09

Telefónica. Pulse o que queira; nós faremos o que nos pete

Hoxe tiven un pequeno problema co meu teléfono fixo e chamei a Telefónica:

- Si usted quiere ser atendido en castellano, pulse 1.
- Se vostede quere ser atendido en galego, pulse 2.

Pulsei 2.

- Buenas tardes, en qué puedo ayudarle?
- Acabo de pulsar 2.
- Qué?
- Que pulsei 2.
- Ah! Ya, es que estamos en La Coruña y a veces también nos entran llamadas en castellano. Pero no se preocupe: usted puede hablarme en gallego, que yo lo entiendo.
- ...!!!

Eu pensaba que o de “ser atendido en galego” era para min, non para ela. O caso é que eu pulsei 2, ela foi atendida por min en galego e eu fun atendido por ela en castelán. Como o conto. Hoxe mesmiño.

Supoño que cando esa telefonista vexa a Feijoo lle dirá que lle impuxen o galego. É que eu sonvos un radical.

2.4.09

“Sei que che sabe”. Os empresarios e a lingua galega.

“Sei que che sabe” foi a primeira marca de conservas que se asentou en galego na Oficina de Patentes. Rexistrouna un tal Celestino Porteiro, de A Pobra do Caramiñal, en 1913. Ben me gustaría coñecelo e tomar con el unha cunca de viño espadeiro, pero o tempo, sempre implacable, é moi dado a privarnos de oportunidades desexadas.

Pasaron case cen anos e eu aínda hoxe me volvo tolo nos supermercados perseguindo zamburiñas coas que poder manter dignamente unha relación íntima.

Sempre me custa moito dar con algunha que me entenda, e iso que nin sequera lles pido que falen coma min. Confórmome con que non estraguen os nomes da súa procedencia, as súas raíces. Pídolles que non leven espetados na sua fronte de cartón ou latón letreiros que poñan Puebla del Caramiñal, Bayona, Santa Eugenia de Ribeira ou La Coruña. Por iso case sempre saen gañando as de Boiro, as de Cambados e as de Vigo, que seguramente son igual de renegadas cás outras pero non teñen oportunidade de demostrarmo.

Eu fago coma quen que non sei nada e chántolles os dentes case zoofílicos coma se fosen bichos que gozan na miña lingua. Elas saben que me saben, e así imos tirando.

Mentres tanto, outros teiman en que a lingua coa que as lambo lles quita cartos. Ignorantes.

Mención á parte e aplauso –e sobre todo fidelidade no consumo- merecen os escasos empresarios comprometidos co País: os do Foro Peinador, os da Fundación Galicia-Empresa, e algúns outros que transitan individualmente os camiños da dignidade. Queda tanto por facer.

28.3.09

Antolín Santos Mediante Ferraría. Poesía completa.

A Fundación Pedro Barrie de la Maza publicou recentemente esta nova achega de Xoán Babarro á figura de Antolín Santos Mediante.

A obra de Xoán Babarro, que é o resultado dun laborioso proceso de investigación, pon deste xeito a disposición do público nun único volume as composicións poéticas que o autor eonaviego deixou dispersas en varias publicacións.

Velaquí un novo recurso para dar a coñecer no Eo-Navia a cultura da zona. Ben sería que se fixese uso del.

23.3.09

O camiño de volta

Disque foi Mark Twain o primeiro en reflexionar publicamente sobre o feito de vivir ó revés, indo de adiante para atrás, de vello para neno. Non sei. Sería ou non sería. A min, cando estiven na súa casa, non me dixo nada.

Scot Fitzgerald pilloulle a idea e converteuna en relato, alá no 1922. Ben recentemente puidemos asistir á versión cinematográfica desta historia, onde Brad Pitt fai de Benjamin Button.

E mentres a película se exhibe aínda nas salas de cine, o mundo do cómic aproveita o tirón e adapta o relato, con ilustracións de Kevin Cornell.

En 1926 Rafael Dieste publicou a súa particular versión do asunto no relato “O neno suicida”, incluído en Dos arquivos do trasno .

Pero de todas as propostas literarias da idea, a que máis me gusta é a que fai Xuán Bello neste fermoso poema, onde non só un vello vai cara a neno, senón que é a propia natureza quen retrocede:

A LA SOMBRA DE UN CEREZO

El día que se murió mi abuelo soñó que estaba
a la sombra de un cerezo, cerca del río, durmiendo.
Y mientras dormía soñaba que las cerezas, ya maduras
de junio blanqueaban, se ponían verdes y florecían
entre las hojas con rocío de una mañana de marzo.
Soñó que los caminos yermos se abrían al paso de la gente
que volvía con canciones en la boca y con palabras perdidas
hace tiempo entre hojarasca.
Soñó casas que nacían del fuego,
yerba de la hoz, grano de la harina.
Soñó una vieja hermosa que era cada día que pasaba
mucho más joven.
Y cuando despertó un niño salió de él,
en dirección al río, corriendo.

O poema deste magnífico autor asturiano está incluído nesa xoia que é Paniceiros, recentemente publicado en galego por Positivas, unha editorial humilde na que Paco Macías, pasiño a pasiño, vai creando un meritorio catálogo.

Por estas terras tamén andamos agora co noso particular camiño de volta. Non sei de que nos sorprendemos; xa nos avisara Díaz Castro co seu poema "Penélope":

Un paso adiante e outro atrás, Galiza
i a tea dos teus soños non se move
(...)

12.3.09

Bruce Springsteen e o galego


Non lembro ben o ano. Só que era un daqueles Xacobeos de masas. Tampouco me acordo doutros datos con detalle nin vou buscar vellos recortes de prensa. Abóndame coa mensaxe, dereitiña ó corazón.

Baixa do avión en Lavacolla e descobre, non sei como, que nós somos nós e falamos como falamos.

En vez de pedir caprichos de divo solicita unha profesora de galego. Nunhas horas de clase improvisada aprende o necesario.

Pola noite, miles de persoas agardan. Bruce sae ó escenario e berra:

-Boas noites, Galicia!

Milleiros de persoas quedan coa carne de pita con aquel disparo inicial, dereitiño ós corazóns.

Non foi o saúdo a única mensaxe en galego. Houbo máis doses de dignidade para a nosa lingua. A mesma que outros desprezan. Seica nos veñen tempos difíciles.

En agosto volve Bruce, born in the USA, aquel que gozou e fixo gozar falando galego no Monte do Gozo.

Eu xa teño a miña entrada.

6.3.09

O novo bipartito e as súas intencións lingüísticas

MOMENTOS HISTÓRICOS, FEITOS HISTÓRICOS

Ía escribir sobre as intencións lingüísticas do novo bipartito (Presidente 1 - Presidente 2) pero estou vomitando co noxo e por iso é mellor que as escoitedes vós mesmos, se tedes aguante:

Eu só comento un detalle (podédelo escoitar entre os minutos 17:33 e 18:00):

O novo goberno seica vai conseguir o feito histórico de que un alumno poida dirixirse ó profesor ou facer os exames en castelán nunha clase que se lle imparta en galego, sempre que non sexa a de Lingua Galega.

Ou sexa, o novo goberno vai conseguir que suceda o que xa sucede, que os alumnos poidan facer o que xa fan e que sexa legal o que xa é legal.

Histórico de todo!

NOTA
:
Aínda que non as comparta, acepto todas as opinións con respecto ás linguas e á política lingüística, pero danme noxo as que se basean en mentiras e se argumentan con falsidades. Se Núñez Feijoo ignora a realidade de Galicia, malo; se mente a propósito, peor. E se o novo bipartito lle move os fíos, que é o que parece, peor aínda.

2.3.09

desORDE anALFABÉTICA

..., Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, Lourenzá, ...

No preciso momento en que un triste Pérez Touriño asumía publicamente os resultados das eleccións e felicitaba ó gañador, a TVG ía sobreimpresionando os datos dos concellos da provincia de Lugo, un por un, por orde alfabética.

Pouco despois, mentres o presentador daba nova información, tocáballe desfilar cara ó matadeiro ós concellos ourensáns, tamén por orde alfabética:

..., A Gudiña, O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...

Por orde alfabética!!??

Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, ... !?
O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...!?

Que pasa coas nosas letras? Que demostra iso de que o X apareza despois do I e antes do L e non ó final? Acaso pelexou co V e co Z, que serían os seus veciños naturais.

Non. Demostra que, a pesar de que en pantalla viamos X, nalgún recanto fondo, nalgún chip traidor, figura aínda Germade, Jove, Junqueira, ... Así cadran as cousas.

Demostra que en 2009, vinte e seis anos despois de que a Lei de Normalización Lingüística (1983) establecese no seu artigo 10 que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” rezuma aínda polos poros da tecnoloxía e das mentes da xente un pasado de aldraxe, unha man misteriosa que nos espeta na lama cada vez que queremos erguer os ollos para ver o sol.

“Hai que ser tolerantes, non se pode ser radicais, as cousas teñen que ir pouco e pouco, sen imposicións ...”. O que hai que ser é parvos para non sermos capaces de poñer no seu sitio os nosos nomes... en 26 anos!
E oír o que hai oír...