Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.4.09

“Sei que che sabe”. Os empresarios e a lingua galega.

Sei que che sabe” foi a primeira marca de conservas que se asentou en galego na Oficina de Patentes. Rexistrouna un tal Celestino Porteiro, de A Pobra do Caramiñal, en 1913. Ben me gustaría coñecelo e tomar con el unha cunca de viño espadeiro, pero o tempo, sempre implacable, é moi dado a privarnos de oportunidades desexadas.

Pasaron case cen anos e eu aínda hoxe me volvo tolo nos supermercados perseguindo zamburiñas coas que poder manter dignamente unha relación íntima.

Sempre me custa moito dar con algunha que me entenda, e iso que nin sequera lles pido que falen coma min. Confórmome con que non estraguen os nomes da súa procedencia, as súas raíces. Pídolles que non leven espetados na sua fronte de cartón ou latón letreiros que poñan Puebla del Caramiñal, Bayona, Santa Eugenia de Ribeira ou La Coruña. Por iso case sempre saen gañando as de Boiro, as de Cambados e as de Vigo, que seguramente son igual de renegadas cás outras pero non teñen oportunidade de demostrarmo.

Eu fago coma quen que non sei nada e chántolles os dentes case zoofílicos coma se fosen bichos que gozan na miña lingua. Elas saben que me saben, e así imos tirando.

Mentres tanto, outros teiman en que a lingua coa que as lambo lles quita cartos. Ignorantes.

Mención á parte e aplauso –e sobre todo fidelidade no consumo- merecen os escasos empresarios comprometidos co País: os do Foro Peinador, os da Fundación Galicia-Empresa, e algúns outros que transitan individualmente os camiños da dignidade. Queda tanto por facer.

2 comentarios:

Deschant dixo...

Dise Puebla del Caramiñal de toda la vida, que o acabo de ver eu nun documento inequívoco de 1942. :)

xavier dixo...

Gustoume moito o post. A min pásame outro tanto, Suso. No meu caso coas augas, os mexilóns, o leite e por aí. Tiñamos que facernos valer como consumidores. Que alguén monte xa un grupo no facebook!