Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

18.4.09

Poetas, cavernas e tabernas

Cando viña cara á casa, atopei vomitando nunha revolta do camiño a Curros, a Cunqueiro e algún outro que non coñecín ben. Un ata me pareceu Pessoa pero, como ese sempre se anda transfigurando, non podo afirmar que o fose.

Pregunteilles qué lles pasaba, se non lles caera ben algunha comida –estráñame que Cunqueiro, con sona de sibarita, meta ó bandullo calquera trapallada, pero nunca se sabe- ou cal era o problema.

Dixéronme que non era iso, que vomitaban de noxo, porque estes días andaran metidos en discursos en boca de quen seica lle quere meter unha xostregada nas orellas ó galego en canto poida. É alí os deixei, por non saber qué dicirlles ante a evidencia. É ben triste a nosa historia, cun pé sempre nas cavernas.

Un pouco máis arriba, atopei a Alberti coas súas ghedellas ó vento, pegando saltos por encima dun comareiro coma un neno pequeno. Seica choutaba de alegría porque alguén lle dixo que no Bar de Marco, na Piazza di Santa Maria in Trastevere (Roma), está aínda pendurado na parede un poema seu que escribiu alí mesmo en 1969.

Eu descubrino hai 13 anos e a semana pasada quixen comprobar se aínda seguía no sitio ou se o desterraran. E alí segue, ben mimado. Cando lle preguntei ó encargado se podía fotografalo, noteille na mirada, ó dicirme que si, unha faísca de alegría, de orgullo por aquel tesouro que se mantén desde hai décadas en lugar privilexiado.

É que os poetas non gozan en boca de políticos. Prefiren as tabernas, onde está a vida, a poesía... e o viño.

3 comentarios:

Marlene dixo...

Xa,xa,a vida,a poesía... O que pasa é que son todos uns borrachos... ;D

Oes, Suso, o outro día rematei As rulas de Bakunin, non sei se cho cheguei a comentar por correo... Máis que nada porque mo recomendaras ti. Pois moito che me prestou, unha gran novela, do melloriño que lin ultimamente.

Bicos.

CDL dixo...

O seu blogue está incluído na páxina RnB-Ribadeo na Bloguesfera/Ribadeo en la Blogosfera; na que figuran os blogues feitos en Ribadeo ou por ribadenses. Se vostede coñece blogues que cumpran unha desas dúas condicións, pregámoslle que nos informe.
Se non ten inconvinte, agradeceríamoslle que incluira na súa blogue unha ligazón a RnB.
Saúdos.
Enderezo: http://ribadeoblog.blogspot.com/

Deschant dixo...

Pois eu creo que a próxima poeta que lerei será esta:
http://www.elpais.com/articulo/cultura/Carol/Ann/Duffy/primera/Poetisa/Reino/elpepucul/20090501elpepucul_2/Tes

É a primeira muller en ser nomeada "poeta laureada" no Reino Unido, é lesbiana e, polo que xa lin nos meus blogues de cabeceira, trata temáticas feministas.

Iso de ser poeta laureado, por outra parte, non debe de estar mal. O salario non é moito (algo máis de 6.000 euros ao ano), pero danche 600 botellas de xerez. Por certo, o poeta laureado anterior a esta muller, Andrew Motion, é catedrático na miña universidade e moi mal non escribe.