Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.5.09

O navegante solitario: mentiras arriscadas

Estes tempos acórdome con frecuencia do relato O navegante solitario, de M. Rivas (Un millón de vacas, Xerais, 1989):

Un día de temporal foran a pique varias embarcacións, entre elas unha tripulada por un só home, que aparecera esnaquizada contra os cons. As cámaras mostran a lancha desfeita e, a continuación, o corpo morto daquel navegante solitario tirado na area.

Mentres a TV dá conta do naufraxio e da súa morte, o navegante solitario pide outra cervexa na barra do Singapore. O taberneiro mira a tele, mira o cliente, xira o mondadentes cos labios, cuspe no serrín e di:

- Ese da televisión era vostede.
O estranxeiro asentiu.
- Polo visto, vostede está morto.

O taberneiro chama a berros o seu fillo, sóbeo á barra e dille:
- Mira, aí tés. Este señor está morto.

Non sei que pretendeu o autor con este relato, pero eu sempre o vin como unha mostra do papanatismo da xente ante os medios de comunicación. O taberneiro ten o mariñeiro diante de si, pedíndolle unha cervexa detrás doutra, pero se a tele di que morreu, entón é que está morto e nada importa a evidencia.

Facéndose eco da paranoia máis patética do novo Presidente da Xunta, os medios de comunicación falan todos os días, sen dar nomes, de profesores que non deixan que os seus alumnos lles falen en castelán nin fagan os exames neste idioma. Chegan a dicir que en Galicia os nenos só poden falar en castelán no recreo.

Como os medios de comunicación falan deles, a xente na rúa, nas tascas, á entrada dos prostíbulos e á saída da misa, tamén fala deles. É a mesma xente que sabe que o seu fillo, o seu neto ou o seu veciño fala castelán na escola cando quere e fai os exames en castelán cando lle peta.

Eu aínda estou esperando a que alguén me diga o nome dun destes profesores ou dun destes centros onde fusilan castelanfalantes ó amañecer. Ninguén os coñece. A realidade invisible.

No mesmo libro de Rivas hai outro relato (Unha visita ó mercado) que comeza:

Págoche para que me digas cando fago o parvo e non para que pases o día dándome palmadiñas –dixo o candidato.

Un asesor imprescindible que alguén esqueceu contratar. Arrepentirase.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Creo que foi xustamente O'Rivas quen escribiu pouco despois das eleccións un artigo sobre estas mentiras, que el calificaba acertadamente de lendas urbanas. Viña a decir que por Coruña a xente non facía máis que repetir estas parvadas, pero cando alguén preguntaba nomes (xa non de profesores, senón de centros docentes), a resposta máis típica era que un amigo dun compañeiro de traballo do seu curmán lle contara que aló polo Incio si había un colexio no que se prohibía aos cativos falar castelán no recreo e chorradas así.
É como algo que sacaban os tangas ao comezo da súa andadura para demostrar a suposta incomprensibilidade dos libros de texto en galego: dicían que a expresión matemática "ao cubo" aparecía traducida como "ao caldeiro". Pero despois ninguén foi capaz de nomear o nome do libro e a editorial onde viran iso... Lendas urbanas.

Anónimo dixo...

E este vídeo vén moi a conto: http://www.youtube.com/watch?v=prHLrauKFHQ