Conservo desde hai tempo un exemplar de Os novísimos da poesía galega, antoloxía de poetas novos que Mª Victoria Moreno publicou cando
Franco empezaba a agonizar, deixando, iso si, o seu bafo infestando o aire
aínda hoxe, ou se cadra hoxe máis ca nunca.
De vez en cando volvo a ese vello libro buscando aqueles versos que releo eternamente:
Aquil tren cargado de carne humán
detívose na fronteira unhas horas
pra valdeirarse dunhos pais sen fillos.
Na estación había un letreiro longo
que poñía: “EUROPA – MERCADO – FÁBRICA”.
Tempos houbo nos que eu lía estes versos e sentía
que falaban de min, que non estaba. Cousas miñas.
No último Grial do 2018, Montse Pena Presas debulla os avatares que a publicación desta
antoloxía provocou no seu tempo. Non sabía eu que a tesoira da censura entrara
a saco tamén nesta escolma de versos cheos de ilusión. Seica nin a rosa que
sangra na portada se librou das suspicacias.
No artigo, Montse Pena corríxese a si mesma despois
de afirmar en A voz insurrecta que
Os novísimos da poesía galega
non sufrira modificación ningunha por causa do seu expediente de censura, que se pechou o 15 de febreiro de 1974. Foi Chus Nogueira quen lle fixo ver que as
páxinas 102 e 103, correspondentes ó poema “Carta poema aos fillos do Che”, de Alfredo Conde, non
figuraban no libro, aínda que constan no índice.
O asunto explícase pola existencia de dúas versións
distintas da 1ª edición. Hai unha versión completa e outra mutilada, na que unha mesma
folla ten no anverso a páxina 101 e no reverso a páxina 104, omitindo o poema
antes citado. A versión
mutilada utilizaríase para salvar os atrancos das autoridades e a versión
íntegra para o público en xeral.
O coñecemento dese detalle levoume a
comprobar a cal das dúas versións se corresponde o meu exemplar e descubrín que ó voltear a folla da páxina 101 aparece directamente a
104, ou sexa, teño un exemplar da versión chapodada que fixo felices os
censores.
A verdade é que tamén eu me alegrei de ter un exemplar
eivado, aínda que iso implique un poema menos polos mesmos cartos. Gústanme os
libros raros. Será que tamén eu son rariño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario