Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.9.20

ENDESA DISCRIMINA O GALEGO

Hai uns meses, no concello en que resido renumeraron algunhas rúas, co cal o meu domicilio, sendo o mesmo, pasou a ter un número distinto.

Despois de solicitar no Concello o correspondente certificado de equivalencias, procedín a comunicarlle o cambio a distintas empresas coas cales teño contratados servizos (REPSOL, VIAQUA, MAPFRE, CASER, R...) para que actualizaran os datos da vivenda.

Envieille a todas un escrito similar e non tiven problemas con ningunha delas polo feito de que a miña comunicación fose redactada en galego. Unhas contestaron en galego, outras en castelán, pero todas entenderon e atenderon a miña petición; todas menos unha: ENDESA.

A finais de agosto recibín un correo desa empresa no que se me pedía que lle enviase a miña petición en castelán, por ser o castelán e o inglés os únicos idiomas cos que atenden os seus clientes.


O 25 de agosto, a través da súa web, enviei unha queixa explicándolles que a súa resposta me parecía inaceptable por discriminar o idioma propio de Galicia  e indicándolles que faría públicos os feitos se non recibía algún tipo de desculpa nun prazo razoable.

A semana pasada usei o chat da mesma web para comunicarlles que esta semana faría pública a discriminación do galego por parte de ENDESA, xa que se cumpre un mes da miña primeira queixa e non recibín ningún tipo de resposta. Considero que un mes é un tempo máis que suficiente para atender unha queixa dun cliente.


A discriminación do galego paréceme aínda máis grave se temos en conta que ENDESA na súa web usa, ademais do castelán e o inglés, tamén o catalán, que debe ser un idioma máis respectable có galego.


Ademais, na mesma web, alardean de que ENDESA se compromete a apoiar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Deben ignorar que esa Declaración establece no art. 2 que “Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades [...] sen distinción ningunha de raza, color, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición".

Está claro que, polo menos en relación co idioma, ENDESA non respecta a Declaración Universal dos Dereitos Humanos nin me respecta a min. 

Ningún comentario: