O pasado 20 de abril, co día botando a andar, comunicábanme e o falecemento de Luz Pozo Garza. Non vou facer unha semblanza da súa persoa porque o noso trato foi só circunstancial e tampouco me toca redactar ningunha análise da súa obra, nin tan sequera rápida, porque hai xente ben máis capacitada ca min que xa o fixo estes días en diversos medios.
Só quero deixar constancia do meu agradecemento polo trato afable que me dispensou sempre que lle solicitei calquera tipo de colaboración para as actividades do instituto. Aínda teño na memoria a última conversa, co gallo do acto do seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo, cando me insistía entre risas que gardase ben o seu Memoria solar, de paso que mo dedicaba, porque que valía 1000 euros, xa que era imposible conseguir ningún exemplar. Seguramente non ten ese prezo, pero para min ten un valor enorme porque, ademais da afectuosa dedicatoria da autora, encerra versos ben fermosos.
Deixo aquí unha mínima mostra, o remate dun poema de As arpas de Iwerddon, un libro polo que sinto especial debilidade, aínda que non é dos que ten dado lugar a máis aparello crítico :
Entra con todo o honor dunha princesa
nos palacios de inverno
Non esquezas a patria.
Pero sobre todo, quero deixar constancia da miña gratitude polo agarimo co que tratou un pequeno grupo de alumnas do instituto, que aquel día estiveron presentes no acto. Quen trata ben o meu alumnado ten sempre un lugar especial no meu corazón.
Luz Pozo adicando exemplares no acto de nomeamento como filla predilecta de Ribadeo |
Ningún comentario:
Publicar un comentario