Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.12.14

Os de fóra como escusa

Cartel de A esmorga
 - Es que está en gallego y aquí viene mucho asturiano al cine.
Seica ese era o argumento que daba alguén do cine de Ribadeo para non traer A esmorga. Menos mal que Neves soubo mover fíos e cambiaron de idea.

Eu dou fe de que é certo. Entre Avilés e Ferrol non hai ningún outro cine e hai moitos asturianos que veñen a Ribadeo. Eu mesmo coñezo algúns deles e dou fe tamén de que son asturianos, pero non son parvos. E ademais moitos tamén falan galego.

Usar os de fóra como escusa para agachar as propias miserias, os propios complexos e prexuízos é algo bastante frecuente. Podería encher isto de exemplos, pero valería de pouco, que non me han ler os que non se decatan de que se pode facer o pailaroco en castelán ou en calquera outro idioma e pódese tamén lograr a excelencia en galego.

Podería encher isto tamén de xente de fóra que me pediu que non deixase de falarlle en galego porque me ían entendendo igual e incluso porque querían aprendelo. Podería falar tamén desa rapazada do Cañada Blanch de Londres que tanto admiro: de Vanesa, filla de colombianos, nacida en Madrid, que se expresa exquisitamente en galego con só quince anos; de Brian, fillo dun conductor de autobuses inglés, que soña con visitar Galicia algún día e que cando veña vai falar nese galego que xa fala con soltura.

Podería falar de Katjia, moza alemá de sorriso perenne e moi digno galego, e dos centos de estudantes das case corenta universidades de todo o mundo onde se estuda o noso idioma. Pero non valería de nada, porque non nos han ler os que seguen facendo o pailaroco en castelán de paso que axexan polo ventanuxo para dicir:  
- Es que está en gallego y aquí viene mucho asturiano al cine.



1 comentario:

giaonhanquocte dixo...
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.