Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

4.12.14

Eduardo Pondal: das Figueiras ó Mar das Galiñas

Talasónimos galegos no Gran Sol
Un día pola mañá, se cadra con néboa no tesón, Eduardo Pondal  abandonou a ribeira das Figueiras, deixou Ribadeo a estribor e colleu rumbo ó Mar das Galiñas.

Ós poucos, levo tempo rastrexando as pegadas da literatura galega no Eo-Navia e xa case nada me sorprende, pero aínda así non esperaba atopar o bardo de Ponteceso tan cerca da miña casa, e moito menos emerxendo das augas coma unha Venus. Souben del grazas ós Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Carrillo tamén levou ó mar a literatura galega. O neno da rapeta e do mansío chegou a ser armador do seu propio gransoleiro: Eduardo Pondal. Construído no ano 69, en sociedade con dous cuñados, nos estaleiros Gondán, Figueiras, Ría de Ribadeo. “O nome foi cousa das miñas fillas: Lola, Carmen e Zulema. Cando o soubo Planas, o armador dos barcos nos que andaba, regaloume Queixumes dos pinos”.
A chamada de Ossian tivo resposta. Eduardo Pondal sae cara ao mar de Irlanda. Que lances prodixiosos han vir nesas viradas?

No Gran Sol está o Mar das Galiñas, e A Selva, Os tres Codillos, A Cona da Vella e moitos outros talasónimos galegos, nomes cos que os nosos mariñeiros bautizaron as leiras do mar de por aí arriba, segundo nos descobre o de Monte Alto.

Carrillo, José Carrillo, seica naceu no ano 30 e ós 11 comezou a ir ó mar. Con 26 quitou o título de patrón e estreou o nomeamento camiño de Irlanda mandando un barco cunha fenda remendada con cemento rápido. Nin Sinbad sería capaz de tal fazaña. O Gran Sol foi o seu mundo desde aquela. A compañía do Eduardo Pondal chegou anos despois. Quen sabe as que pasaron xuntos!, pero nunca teremos noticia diso, porque as cousas do mar non se contan na terra.

Busco na rede e, certamente, atopo a partida de bautizo do Eduardo Pondal, na web do estaleiro onde se construiu, só que está rexistrado no ano 70 e non no 69. Tanto ten. A encarga figura a nome de “Manuel Castiñeiras e outros”. É de supoñer que o tal Castiñeiras é un dos cuñados de Carrillo.

Rexistro do Eduardo Pondal, na web do estaleiro Gondán
Eu non sei se Gondán non construiu outros barcos antes ca estes ou se non leva conta. Polo rexistro, o Eduardo Pondal foi o segundo botado no estaleiro, precedido só polo Segundo Río Sil, do ano anterior.

Non escribo máis, que acabo de oír, coma cada día,  a sirena do estaleiro de Gondán. Toca descanso.

Ningún comentario: