Cartel de A esmorga |
- Es que está en gallego y aquí viene mucho asturiano al cine.
Seica ese era o argumento que daba
alguén do cine de Ribadeo para non traer A esmorga. Menos mal que Neves soubo
mover fíos e cambiaron de idea.
Usar os de fóra como escusa para
agachar as propias miserias, os propios complexos e prexuízos é algo bastante
frecuente. Podería encher isto de exemplos, pero valería de pouco, que non me
han ler os que non se decatan de que se pode facer o pailaroco en castelán ou
en calquera outro idioma e pódese tamén lograr a excelencia en galego.
Podería encher isto tamén de xente de
fóra que me pediu que non deixase de falarlle en galego porque me ían
entendendo igual e incluso porque querían aprendelo. Podería falar tamén desa
rapazada do Cañada Blanch de Londres que tanto admiro: de Vanesa, filla de
colombianos, nacida en Madrid, que se expresa exquisitamente en galego con só
quince anos; de Brian, fillo dun conductor de autobuses inglés, que soña con
visitar Galicia algún día e que cando veña vai falar nese galego que xa fala con
soltura.
Podería falar de Katjia, moza alemá de
sorriso perenne e moi digno galego, e dos centos de estudantes das case corenta
universidades de todo o mundo onde se estuda o noso idioma. Pero non valería de
nada, porque non nos han ler os que seguen facendo o pailaroco en castelán de
paso que axexan polo ventanuxo para dicir:
- Es que está en gallego y aquí viene mucho asturiano al cine.
1 comentario:
Publicar un comentario