Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

14.12.14

Escapismo

  Valéntín García, o actual Secretario Xeral de Política Lingüística, manifesta hoxe en El País que "en la encuesta nos faltan hablantes de gallego". En parte ten razón; eu podo dicirlle onde están uns cantos: polo mundo adiante, emigrados. Algo terán que ver tamén niso as políticas que os seus están facendo.

Fragmento da entrevista en El País (14-12-14)

 Estes días está de moda falar de transparencia, pero os nosos mexilloeiros non dan conseguido que na etiquetaxe das latas que mercamos figure a palabra Galicia, para que non nos metan mexillón de vai-ti-saber-onde. O asunto estase levando, de xeito simbólico, ós plenos dos concellos, onde os do PP votan a favor, pero despois votan en contra nos Parlamentos onde realmente se pode decidir algo. Cousa do demo, supoño. Eu non sei para que vale ter unha denominación de orixe se despois non se pode indicar a orixe.

  Eu botei hoxe media mañá percorrendo establecementos da miña vila en busca dunha botella de auga galega. Estiven en seis sitios e non a dei atopado. É certo que estamos en domingo case todos os lugares nos que se pode mirar son tendas pequenas, onde hai unha ou dúas marcas, pero tamén mirei nun supermercado "de garda", coma as boticas, que ten tres ou catro metros de andeis con augas; se cadra había máis de media ducia de marcas e ningunha era de Galicia. E a min non me dá a gana de comprar auga mineral que non sexa galega, que para iso estamos na Terra da auga. Antes collo o coche e vou á fonte do Valín cun caldeiro.

  Somos os reis do escapismo; non hai maneira de dar connosco. Calquera día buscámonos no mapa e atopamos un burato negro, ou un mar cheo de tiburóns. 

Ningún comentario: