Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

27.7.11

Trimarán







E ti, o navío na noiva noitE
(G. Navaza: A torre da derrotA)

O dono do trimarán é portugués. Alugoullo un francés que por prescrición facultativa non podía navegar, para navegar nunha regata. No medio da travesía deulle un infarto e botouse ó mar para poder ser rescatado. Disque non se pode ser rescatado sen caer ó mar, aínda que un teña o peito partido en anacos. Entre a rotura do corazón, a friaxe e quen sabe que outras circunstancias, o tipo quedou cego.

O francés do corazón mancado, algo pirata, seica quedou cos cartos do seguro; cos seus o cos do barco.

Tamén quedou cego o trimarán cando o piloto se botou ó mar, e navegou a toda vela perpendicular a todos os outros barcos. Acabou en Ribadeo, onde estivo meses amarrado. Noites enteiras sen durmir, soñando mares. Onte marchou caladiño na noite, en busca de novas aventuras. Cando atravesou a ponte, case batendo arriba co mastro espido, houbo aplausos desde as lanchas pneumáticas guiadas por cabezas de mineiros que o acompañaron na saída.

A historia do trimarán contouma María, ataviada co seu disfrace de grumete, mentres agardabamos no peirao a chegada dos veleiros da Transgascogne. Se lle metemos un cura, un par de putas, un eivado, unha serea, un morto e algo de misterio, o asunto dá para unha moderna novela mariña. E Sinbad sen sabelo, agardando no cemiterio vello de Mondoñedo.

Ningún comentario: