Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.7.11

O documento

O DOCUMENTO
- Es que esto está en gallego y usted no puede hacer estas cosas en gallego porque si las hace en gallego yo no las entiendo.
Esa foi a explicación que un Garda Civil andaluz lle deu a un rapazoulo novo que soñaba con ser director de cine cando lle preguntou polo motivo da súa detención, trala proxección en Ourense da curta “O documento”.

Era o verán do 74. Armado con medios rudimentarios, 10.000 pesetas e moitísima ilusión, aparece por Ribadeo un mozo duns 20 anos e proponse levar ó cine unha historia de Ánxel Fole.

Como actores non había e cartos para contratalos tampouco, aquel aprendiz de director pillou media ducia de veciños que nunca viran unha cámara diante, uns cantos vellos do asilo ós que subornou con tabaco e levounos a un prado de Ove. Subiu un mozo a un freixo e sacou adiante a rodaxe.

Creo que o resultado non se podía ver nin en Flocos.tv, ese magnífico proxecto de Manolo González, que xa non existe porque seica é menos prioritario para a nosa cultura ca facerse cargo sen obriga da seguridade dos bens da familia Franco, por exemplo, que cartos hai poucos e cómpre gastalos con sentidiño.

Pero os que andamos pola beiramar cantábrica puidemos asistir á proxección de O documento hai uns días, dentro das xornadas de historia local que cada ano organiza Dores Fernández Abel, da agrupación Francisco Lanza.

No acto estivo presente Enrique Rodríguez Baixeras, que era aquel mozo que no verán do 74 constituíu o colectivo individual ENROBA e foi por un tempo director de cine, chegando a ter como axudante de dirección a un tal Fernando Trueba.
--------------------------
ENGADIDO: Xa se pode ver aquí "O documento".

2 comentarios:

Marlene dixo...

Pois coidadiño que me parece a min que non andamos tan lonxe de que nos volva pasar o mesmo... Hai que pararlles os pés ós sabuxos de Meirás.

Melodi Parga Otero dixo...

En realidade a Xunta esta na obriga de facerse cargo dos BIC se os donos non o fan ou de asegurar que ditos donos cumpran coas obrigas que a posesion dun BIC conleva. Andan a metelo pezuño no de Meiras pero non son capaz de solucionar outros problemas patrimoniais como o de torres que caen a cachiños GRRRRRRR