Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

30.11.08

Neve

Anda a neve na miña terra.

As imaxes tráenme á memoria textos fermosos de Julio Llamazares e de Fole, pero sobre todo tráenme infancia, xa lonxe.

Tráenme dedos aterecidos, tráenme un autobús escolar patinando na cuneta e nenos empuxando –hoxe máis de un iría preso por iso mesmo-, tráenme días sen escola á beira do lume, a carón da gramalleira, onde unha cañota arde día e noite, e fume nos ollos e fume tamén saíndo por entre as tellas. Pólas no souto rebozadas, palleiros con pucha branca, vacas na corte, zoquiños, pisadas do lobo nos camiños, o Candán branco na distancia moitos días máis . Algún que outro boneco –non moitos- e bólas que ían medrando a cada volta e que botaban semanas ata derreterse por completo.

Días de lonxe que sei cheos de miserias pero que hoxe boto de menos, aquí, na terra do vento e a néboa.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Mira o que vin por aí...

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=372750

Suso F. Acevedo dixo...

Agradezo as palabras de Xabier na parte que me tocan e comparto o seu parecer en canto á lexislación e as linguas.