Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

16.11.08

Palabras do outono

Espiga reina

Outono era na miña nenez palabra máis referida ó mes de outubro cá a estación, e chamabámoslle outonizo á herbiña tenra que ía saíndo nas leiras despois da seca do verán. Hoxe xa non. Hoxe vexo pasar o outono e véñenme á cabeza as palabras que se van con el:

Lembro os crouchos, que era como lle chamaban cara a Deza ó que en Trasdeza diciamos noces. Amareleaban as candeas dos castiñeiros, coas que eu tecía coroas de pequeno. Estaba o chan dos nosos soutos cheo de castañas temperás, de pilongas e de bolercas. Xa non se fan ouriceiras coma antes.
Por unha risada perdeu a niñada
Que cousa é?

Nas leiras amareleaban os follatos que envolvían os carozos (joder!, que distintos son os carozos agora!!!!) u carolos ben cubertos de millo. E se a espiga estaba enferma botaba carunchos. Pero o meu oído goza especialmente repetindo “espiga reina”, esa expresión que o dicionario condena e que diciamos nas esfollas para referirnos ás espigas de millo mouro, coma as da imaxe.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Estabamos reunidas as tres mulleres da casa e acabamos comentado este post. Di a máis experimentada das tres (miña avoa) que a parte da espiga reina polas esfollas andaba tamén o rei, seica se distinguen un do outro por que a raiña é pintarraxada e o rei dunha soa cor.
A mediana (miña nai)perdeuse nas súas falcatruadas infantís e lembrou aquelas tardes nas que xogaba entre a pubela, ou aquelas veces nas que se perdía entre o millo buscando unha boa "boneca".
Eu, a máis nova, por desgracia, xa non poido lembrar nada diso o que si lembro é o día que quixen domesticar un vermiño dos que traían as castañas

Suso F. Acevedo dixo...

Ten razón túa avoa. Eu tamén me acordo de "reis" e "reinas", pero eu buscaba as "reinas", como comprenderás... :)