Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.1.07

Cultura, fútbol e rodaballos


Leo con regularidade a revista O Ollo Público desde o seu nacemento. Nunca me fascinou especialmente –creo que todo o que atopei de interese cabía nun dos seus 16 exemplares- pero celebro cada achega á cultura galega, por pequena que sexa. A súa lectura non lle fai mal a ninguén, aínda que se pareza máis a unha revista escolar ca a unha publicación especializada que soña con ser filla de Franco Maria Ricci.

O número 16 resúltame, por fin, interesante case na súa totalidade. O único que desentoa é a sección Viaxes que rompe a unidade deste exemplar dedicado integramente ó cine. Tamén é certo que todo o que aparece de cine pódese atopar en Google en media hora, pero para iso hai que ter a idea.

Tampouco entendo o editorial. A culpa é de Ferrín, que fai estas cousas na Trabe e sáenlle malos imitadores. Non sei a conto de qué, o editorialista despáchase a gusto contra a política cultural da Xunta.

Primeiro, a cidade da cultura. Eu tampouco teño claro que faría se herdara do goberno anterior un proxecto así. Poida que o mellor fose regalarlla a Pescanova para que a enchese de rodaballos. Así matábanse dous paxaros dun tiro. Pero o que me abraia é que agora todo o mundo ten algo que dicir ó respecto. Ata Cacharro dixo que era un disparate, e Feijoo que se lle fora das mans -Ou foi Barreiro? Tanto ten-. Antes, salvo media ducia escasa de "opinadores", todos calaban coma petos. Políticos, columnistas, representantes de sectores varios,... ninguén dicía nada. Benvida sexa a liberdade!, aínda que sexa para poñer ó descuberto as nosas vergonzas do pasado.

Despois cóllea coa selección galega de fútbol. A súa existencia parece ser a causa de todos os males do país. Sorte para Manolo Rivas e Carlos Núñez, que levaban antes a culpa de todo. Supoño que é argumento pobre dicir que non debe ser tan malo promover algo que todas as comunidades tiñan xa. Pero hai máis:
Poden facer máis pola lingua unhas declaracións en galego de Borja Oubiña –se as fixera- ou de Fernando Vázquez –que as fai- ca todos os exemplares xuntos de O Ollo Público. Hai máis literatura en trinta segundos de manifestacións de Jorge Valdano ca en todos os exemplares de O Ollo Público. Fan máis pola literatura os microrrelatos de Juan Pablo Sorín, que moitos len porque é futbolista, ca todos os exemplares de O Ollo Público.

Pregúntome por que esta teima contra estas decisións da Xunta. Será porque non lle gusta o sorriso de Ánxela? Ou será por que a Consellería de Cultura non figura entre os patrocinadores?

-E despois de disparar sobre ela, como se sente vostede?
-Famento
.
(Adam’s Rib. Adaptación)

3 comentarios:

ZIMMER103 dixo...

O que está claro é que a gran noticia para a literatura e a cultura galega en xeral é que Ana María Ríos ,a galega de cancún, publique en edición galega antes ca española o seu libro , best sellers en galego e menos merdas coma ollo pulico e nazón. e que el toupo fuze por moito tempo!!

Anónimo dixo...
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.
Suso F. Acevedo dixo...

mer-ci, zimmer!