Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.4.12

De cando a "caza de bruxas" pas(e)ou por Refoxos



I
Pepe Iglesias aparca o seu Chevrolet diante da do Panadeiro, axusta o sombreiro de aba ancha e entra na taberna. Vén cansado de baixar o Penadoiro, ese insufrible tramo do Candán, cheo de voltas tan cerradas que case cómpre rousear para que o morro do coche non bote por riba dos toxos e das uces.

Sen que se note a inspección, nada máis entrar xa el sabe que de punta a punta do mostrador hai varios ollos cravados nas súas maneiras. Resultan raras para canto veciño hai da cima ó fondo de Refoxos, a parroquia que o vira nacer moitos anos antes. O mesmo lle pasa cando aparca o seu impresionante Chevrolet ás portas das tabernas de Laro, na da Viúda en Aciveiro e en canta tasca hai en Trasdeza e Terra de Montes.

Pepe Iglesias non se incomoda coas miradas. Está afeito a oír e ver de todo e, despois de botar un grolo longo e pousar o vaso petando na formica do mostrador, fala ou farolea daqueles tempos nos que transitou desde os baixos fondos ata luxos inimaxinables para os que agora o escoitan. Escóitano porque algo hai que oír, pero non lle dan ningún creto ás súas palabras.

Pepe Iglesias sábeo pero non lle importa. Pasea a soidade no seu Chevrolet, longo coma dous carros do país en ringleira, e un día de primavera de 1970 déixase morrer no mesmo sitio onde nacera, no fondo do Penadoiro, cheo xa das flores lilas coas que se viste despois de cada inverno. Aquel ano Pepe Iglesias non esperou a ver o amarelo dos toxos, que chega algo máis tarde.


II
Un impresionante Chevrolet atravesa as rúas de Chicago sen facer caso de normas nin das formas que se deben seguir nunha gran cidade. Ó volante vai Pepe Iglesias, que saúda coa mirada os axentes que se poñen á súa altura e, ó velo, moderan a velocidade, apagan a sirena e déixanse desaparecer.

Acompáñao Eddie Fried, home de confianza de Al Capone, para quen fai discretamente traballos que garanten a orde, a súa orde, naquel Chicago de finais dos anos trinta. Debe ter un corazón de gran calibre porque no lado esquerdo do peito sempre sobresae algo un vulto na chaqueta. Un corazón de ferro, seguramente, do que bota man cando as cousas se poñen mal. Pepe Iglesias non oe nin ve nin fala máis do imprescindible. Pepe Iglesias conduce.

Hoxe van buscar un actor que destacou con The Golden Boy, unha obra vangardista incomprendida polos neoiorkinos na súa estrea, pero que triunfou despois en Londres e tamén en Chicago, na súa volta ós EEUU. Chámase Elia Kazan e seica andou nas beiras do partido comunista. Un home así merece ser convidado a cear no mellor restaurante, un home así merece aloxarse de balde no mellor hotel, un home así merece ter na habitación unha beleza loira e outra morena para que poida escoller ou para que colla as dúas se lle apetece, un home así merece que Pepe Iglesias o guíe de balde polos mellores prostíbulos da cidade,... Un home así merece, pasado o tempo, un papel e unha pluma de ouro para que vaia escribindo nomes de antigos camaradas comunistas cos que o McArthismo quere facer contas… 

III
Pepe Iglesias. Nunca del oíra falar a pesar de compartirmos veciñanza nos sesenta. Tamén é certo que, aínda que o espazo foi o mesmo, as nosas vidas foron máis ben consecutivas.

Souben agora del e das as súas andanzas como chofer da xente de Al Capone. Souben que el foi quen recolleu a Elia Kazan no seu hotel de segunda para metelo nun palacio e quen o levou por canto luxo e vicio quixo, empezando así o artista un camiño que o separou definitivamente do seu pasado comunista ata converterse nun delator, nun traidor de antigos camaradas, durante a caza de bruxas do McCartismo.

Quen sabe cantos segredos ben interesantes quixo contar Pepe Iglesias nas tabernas de Trasdeza e Terra de Montes sobre aqueles tempos da mafia en Chicago. E ninguén llos quixo crer…

2 comentarios:

Marlene dixo...

Impresionante historia. Gonzalo Navaza contoume unha vez que varios dos carpinteiros da foto "Xantar no pico do rañaceos" de Charles Ebbets eran galegos (creo lembrar que de Noia concretamente). Un día deberían compilarse todas estas historias da emigración. Chuchos!

Suso F. Acevedo dixo...

Marlene,
O libro no que se fala deste personaxe éche precisamente de Xavier Navaza, irmán de Gonzalo.
E resulta que o último amante de Marilyn, que dá título ó libro, foi un tal Bolaños, nacido en México pero descendente de burelaos.

É certo. Cantas boas historias haberá detrás dos nosos emigrantes.
(Tamén dos actuais emigrados a Tenerife?)