Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

27.11.11

Tópicos sobre a lingua galega VII: As subvencións e os aforradores.

A SERIE EMPEZA AQUÍ


"O galego é un idioma subvencionado"

Pois si. Por unha vez é certo un tópico.

O galego é un idioma subvencionado como o é o castelán, no que se invisten moitos cartos cada ano a través do Instituto Cervantes -que, desde hai algún tempo, tamén se preocupa algo do galego; xusto é recoñecelo-, da Real Academia de la Lengua Española, da prensa escrita en castelán, das emisoras de radio e TV que emiten en castelán, etc., etc. Todos reciben axudas, dun xeito ou doutro.

O galego é un idioma subvencionado como o é froitería Maripili, calzados Chiruca, fontanería Pepe, bar París, os fabricantes de coches, os comerciantes de medicamentos unidose, os clubs de fútbol, os (puti)clubs de carne e canto colectivo vivo hai en todo o Estado.

O galego é un idioma subvencionado como o é a banca grande e pequena, en quen levamos gastado todos cantidades inimaxinables para que non se vaian ó garete e poidan pagar os sacos de cemento que mercaron ou axudaron a mercar. Coma as fundacións, que proliferan coma as silvas e que en moitos casos son menos útiles cás propias silvas.

O galego é un idioma subvencionado como o é a Igrexa católica, onde todos investimos cada ano non sei cantos millóns de euros de xeito directo ou indirecto, para salvar as nosas almas, aínda que non as teñamos. Coma os partidos políticos, que reciben axudas millonarias con cartos que son de todos aínda que algúns defendan só a uns poucos. Coma as asociacións de empresarios e as asociacións de asociacións de empresarios.

O galego é un idioma subvencionado como o é o castelán, as patacas, os zapatos, as tubaxes, os cafés, os airbags, os xaropes, os balóns e os achuchóns. O galego é un idioma subvencionado como o é o capital, os sacos de cemento, as hostias coas que comungamos ou non e os mítins que oímos ou non. Todos acaban tendo axudas económicas en forma de subvencións que todos poñemos ou de beneficios fiscais que deixamos de percibir para que poidan existir, resistir ou subsistir mellor, dependendo dos casos.

Pois si. O galego é un idioma subvencionado, pero xa menos, porque xa non se subvenciona Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira, Galicia Hoxe, Xornal,… empresas medianas ou pequenas que tamén pagaban impostos, creaban emprego e contribuían a manter aceso o lume deste País no que nos tocou hibernar.

Pois si. O galego é un idioma subvencionado. E quen non?

          NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.

Ningún comentario: