PROCESOS DE RECUPERACIÓN
Coas particularidades lóxicas de cada caso, no proceso de recuperación de culturas marxinadas repítense sempre unhas pautas. Non entrarei a analizar exemplos para non estenderme, pero poderiámolo comprobar no caso do inglés despois das invasións franconormandas, no de Noruega cando a súa independencia de Dinamarca, etc. Os estudosos establecen diversas etapas, pero podémolas agrupar en catro fases fundamentais: folclórica, cultural, económica e política.
1- Fase folclórica
Ó pobo asoballado permíteselle a exhibición de elementos puramente folclóricos, como poden ser no noso caso os cantos e bailes rexionais, o traxe típico, a celebración do magosto, dos maios, etc. Literariamente ten certa presenza o teatro costumista e a poesía intimista ou costumista. Soe ser unha época que non causa reticencias na poboación, que ata aplaude e pode que ata chegue a emocionarse con estes elementos. Esta fase vivímola nós incluso nos anos duros do franquismo.
2- Fase cultural
Cultívanse todos os xéneros literarios e a marca máis evidente da cultura, o idioma, lévase a ámbitos coma o ensino, a administración ou a Igrexa. No caso concreto de Galicia, este último elemento non se activou, pero é ben coñecido o importante compromiso da Igrexa catalá ou vasca coa súa cultura.
Esta fase soe provocar, nos seus inicios, reticencias en parte da sociedade, que ve ameazados os seus privilexios ou non é capaz de superar os seus complexos. Lembremos a oposición que houbo no seu momento contra a entrada o galego no ensino e o seu progresivo asentamento. Estas reticencias soen desaparecer cando a situación se asenta e se visualizan os seus beneficios.
3- Fase económica
É un período fundamental. O compromiso coa cultura propia, especialmente co idioma, chega ó capital (o empresariado e a banca), que previamente terán detectado unha certa demanda ou, cando menos, predisposición positiva na sociedade.
Evidénciase na etiquetaxe dos produtos, na publicidade, na rotulación dos establecementos, na documentación interna e no proceder público dos protagonistas (empresarios, banqueiros, ...).
4- Fase política
É consecuencia inmediata da anterior. As distintas tendencias políticas, independentemente do espectro ó que pertenzan, comprométense coa cultura propia. Pasado algún tempo desde que ese asenta esta etapa, o normal é que se produza unha reorganización política que pode coller dous camiños: o federalismo ou a independencia.
A NOSA CONTORNA
Observando a rodeada, eu creo que Asturias e as súas dúas linguas marxinadas (asturiano e galego) pode servir como exemplo de fase folclórica asentada e do agromar dos primeiros síntomas da cultural. Cataluña ten ben asentada a fase económica e moi avanzada a política. Proba diso é que teñen partidos nacionalistas de dereitas (CiU) e esquerda (Esquerra Republicana) e que a actitude lingüística da versión propia dalgúns partidos estatais (PSC) é ben distinta á que ten en Galicia o mesmo partido (PSdG). Incluso un partido manifestamente antinacionalista como é Citadáns/Ciudadanos non renuncia ó seu nome en catalán.
O CASO GALEGO
Ata a chegada do bipartito, o responsable de política lingüística dependía directamente da Consellería de Educación, o cal era un síntoma de que se situaba a lingua no ámbito cultural. Aínda que puidese actuar noutras áreas, mediante acordos, non tiña potestade directa nelas.
No proceso de normalización, o paso da fase cultural á fase económica facíase difícil.
Coa elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega parecía que se asumía a necesidade desta etapa, xa que se establecían tamén obxectivos e medidas para o ámbito económico, aínda que socialmente faltase moito por andar e non se percibise claramente esa demanda ou predisposición positiva á que me refería antes.
O bipartito desligou a política lingüística da Consellería de Educación e fíxoa depender directamente de Presidencia, entendéndoa como algo transversal, o cal supoñía a posibilidade de avanzar no proceso polo camiño correcto. Outra cousa é que non se lle sacase todo o partido que se podía a esa situación no organigrama da Xunta.
Parecía que as cousas ían polo seu camiño, aínda que moi a modo. Parecía moi distante a fase folclórica, parecía ben asentada a cultural e víanse as primeiras luces da económica, da man duns cantos empresarios que día tras día demostran que en galego tamén se pode facer empresa, que en galego se vende máis e non ó revés, como outros pensan (o de "pensar" é un dicir).
Pero o novo Presidente volveu ó pasado e vincula de novo o responsable de política lingüística á Consellería de Educación, ou sexa, vólvese situar no ámbito cultural, co cal se frea o avance natural do proceso de recuperación, un proceso que avanzaba paseniñamente desde hai décadas e que ninguén se atrevera a facer recuar ata que chegou Feijoo.
Os responsables doutras áreas de acción política poden sentir que a cuestión lingüística non é cousa deles. Aquí acabamos de encetar un novo goberno e xa puidemos ver algunha proba:
-En la legislatura pasada, para que una federación cobrara subvenciones de la Xunta tenía que usar obligatoriamente el gallego. ¿Ustedes mantendrán la norma?
-Voy a poner un ejemplo. Un paciente que va al médico, qué es lo que quiere, un buen o alguien que le hable gallego de maravilla. Nosotros pediremos los requisitos necesarios para que se puedan aplicar nuestras políticas deportivas, pero nos ceñiremos a nuestra competencia, que es el ámbito deportivo.(José Ramón Lete. Secreatrio Xeral para o deporte. 6/5/2009)
A este paso, volveremos ó folclore, a non ser que nos salve un anxo. Fácil non o ten.
NOTA: Eu quería ser breve, pero desta vez non me saíu... Desculpen os sufridores.
2 comentarios:
Pagou a pena que te estenderas. Quedou ben explicado o proceso de asentamento da lingua e o perigo que corre agora ca política actual. Non imos limitarnos ó folklore. En todo caso, afianzar a etapa cultural para seguir avanzando.
Ameno e claro coma sempre, Suso. Quizais coa manifestación do 17 axudásemos a Anxo a ter as mans máis libres diante de Feijoo para poder actuar. Quedou en evidencia que como siga tensionando o PP pode acabar pagando o seu extremismo ling.
Publicar un comentario