Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

25.5.09

Cans, coelhos e conejos

COELHOS E CONEJOS
O festival de Cans levoume a dar unha volta polo sur, á raia. Como ía con tempo, na Cañiza decidín saír do país. Crucei por Arbo a Portugal e fun en paralelo ó Miño cara ó oeste. En Monçao, pouco antes de atravesar de novo para a beira norte do río, pasei ó lado dun galpón (un saúdo para Alex-ghalpón!) e vinlle un letreiro:

VENDEMOS COELHO
VENDEMOS ESTRUME DE COELHO


Despois de cruzar o río, paseei por Salvaterra e batéronme os ollos nun rótulo dunha carnicería:

HAY CONEJO

Seica saín do país, pero non sei moi ben cando estiven dentro e cando fóra.

CANS E GATOS
O festival de cine de Cans empezou sendo unha broma duns cachondos mentais e resultou ser unha xenialidade.

Alfombras vermellas nos camiños que levan ás palleiras, chimpíns glamurosos ataviados con flores de xesta , globos de helio á altura das chemineas indicando o lugar das proxeccións, o cadeliño amarelo pendurado dos postes e dos balcóns, miles de persoas, famoseo bicando a Terra que lle deu vida, música da que tronza o peito...

Quixera ser gato para amarte sete veces! -berrou na noite Ce orquestra pantasma, que arrancou así a festa, con xenio, falando de amor e morte.

Dá gusto ver o rural vivo e moderno sen perder a esencia. Agora que sae en todos os medios de comunicación do Estado, cómpre que os da asociación Arela e os veciños todos, artífices do milagre, sexan capaces de controlar o evento, que non se lles escape das mans, que sigan conseguindo que os veciños da parroquia se sintan orgullosos do seu festival.

Angelina e Brad xa virán a petición propia cando saiban o que hai.

1 comentario:

Deschant dixo...

Que non estás ao día! Que Angelina e Brad seica andan desavenidos...