Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.1.08

A forza que vén de lonxe - VII: Carles Riba, Pérez Creus, Rodríguez Marín


A SERIE EMPEZA AQUÍ
Carles Riba (1893-1959) foi un deses poetas cataláns de ampla cultura, bastante frecuentes a comezos do pasado século. Cultivou no seu idioma a denominada “poesía pura” nos anos 20 e traduciu para o catalán a moitos dos grandes poetas clásicos. Tamén se sentiu tentado polo galego e, con 17 anos, escribiulle no noso idioma emocionados versos ó seu amor platónico Pepita Villa, catalá de orixe galega, que tardaron en ser coñecidos publicamente.

Eu chorei cando partiche
cando partín ti chorache,
e non puido o noso amor
con tanta bágoa apagarse
.

Seica Carles Riba se interesou polo galego despois de ler a Rosalía, a mesma a quen cantara o sevillano Francisco Rodríguez Marín en 1891, con motivo da morte da padronesa:

Murió a musa galega
e ¡como por Rosalía
salaian os fillos tristes
e chora o sabio Murguía!
coitadiños, coitadiños!
perderon, ¡demo de morte!
o máis grande dos cariños.

Coma Carles Riba, tamén escribiu versos de amor en galego o xienense Juán Pérez Creus, autor de As canciós dise amor que se diz olvido, que merecería a pena aínda que só fose polo título. Son versos dirixidos, segundo Alonso Montero, a unha alumna da academia onde o autor de La Carolina impartía clase.

Ren coma os teus bicos
lenes, tan lenes coma
o corazón segredo dun salario,
eternos como a vida, como a morte.

Carles Riba, Pérez Creus, Rodríguez Marín
: a forza do amor que vén de lonxe.
CONTINÚA

3 comentarios:

Carlos Andina dixo...

Non sabía que houbese tanta xente que escribira en galego.
Parece que che vai ben con este tema porque xa levas oito edicións.

Fátima dixo...

A min tamén me sorprende coñecer tantas caras novas (ou vellas, segundo se mire) éditas no campo literario en galego.
Saúdos.

busto.agolada dixo...

Suso, o comentario anterior, firmado por Fátima, fíxeno desde o blog da miña filla pequena. Non me decatei de que ía saír o seu nome e non o meu.
Novamente saúdos.