Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.1.08

Últimos falantes


Doly Pentreath, con nome de ovella e xenio de leoa, faleceu en 1777. Era a última falante de córnico, idioma hoxe recuperado, e seica expirou dicindo “Me ne widn cewsel sawznek!”. Sei o que quere dicir pero déixoo así para intrigar.

Touré Udaina Burbur ou Antonio Udina Burbur, como din outros, foi o último falante de dálmata. Faleceu en 1898 na illa de Krk e máis de cen anos despois o escritor Igor Lugrís fíxoo protagonista dun dos seus poemas.

No 1974 faleceu Ned Maddrell, o último falante de manx, lingua que tamén reviviu anos despois.

Un tal Bogon morreu o 5 de novembro de 1995. Era o último falante de kasate, unha lingua do Camerún.

En setembro do 2004 faleceu Yang Huanyi, a última falante de nushu, enigmático idioma do sur da China falado só por mulleres.

Marie Smith Jones, a última nativa de Alaska que falaba a lingua eyak, morreu o 24 deste mes, hai xusto unha semana.

Seica o loro dun tal Huboldt foi o último falante da lingua dos atures, aló no Caribe.

Hai poucos meses a prensa dicíanos que a lingua zoque, en México, está a punto de extinguirse porque os dous únicos falantes que quedan están enrabeados e non se falan.

Eu tamén quería ser un deses, quería ser o derradeiro falante do galego. Viviría subvencionado –supoño que o goberno investiría cartos en protexerme- e viaxaría como exhibición de feira en feira, falando só. E cando morrese había saír nas enciclopedias e algún tipo raro sen nada mellor que facer había escribir sobre min nun blog, para deleite dos meus bisnetos.

Por iso animo os meus alumnos a que non falen galego, pero os meus alumnos nunca me fan caso. Por iso creo que o galego ten futuro. Por iso e porque o outro día oín un neno na Ferrería, en Pontevedra, que lle dicía a súa nai:

- Mamá, mamá, vou pillar as pombas!
E era o neno máis guapo de todos.

8 comentarios:

lloytron dixo...

Ola.
Moi interesante o artigo.
O mellor é o do loro.Quen nos ía dicir que un loro ía ser o último falante dun idioma se so repiten o que oen!
A ver se pos tamén qué dixo a primeira muller que nomeas.
Sinto non poder cumpri-lo teu soño.
Levo falando galego dende pequeno e agora ía ser un pouco brusco o cambio.

Un saúdo

Suso dixo...

O que dixo Doly foi: "Non quero falar inglés".

Por certo, tamén é interesante o teu blog. Non o coñecía. Vouno enlazar ó meu.
Saúdos

busto.agolada dixo...

Excelente e fermoso artigo. Eu despois do lido saco algunhas conclusións: hai moitas linguas das que descoñezo ata o nome e principalmente diría un slogan: FALADE GALEGO, FARAVOS INMORTAIS.
Unha aperta, Suso.

Melodi dixo...

Certo,nunca che fixen caso, de feito, non só falo galego senón que por culpa miña vamos ter outra galegofalente vida das illas británicas, xa sabe dicir: morriña, noxo e noxento, "teño fame", amorodo e outras cousas máis ... saúdos

Suso dixo...

Pois nada, Mélodi. Se ves que a tú amiga ten méritos, dasme os datos e métoa en "A forza que vén de lonxe".
E isto vale para os de calquera nacionalidade, raza ou relixión que os lectores poidades "colonizar" :)
Saúdos

La dama de las letras magicas dixo...

gustoume moito o artigo.en especial o da muller chinesa.e unha magoa que haxa linguas condenadas a desaparecer. Ainda que son castelan falante estasme a dar moitos motivos para valorar mais o galego.
saudos

Ulmo de Arxila dixo...

"Nunca hei falar inglês!" :-)

Suso dixo...

Exactamente!