Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.6.08

A conquista de Irlanda


Non hai toupas en Irlanda. Xunto con Islandia, é o único país de Europa non habitado por esta especie.

Ergueuse Ith un día de ceo claro e subíu á torre que erguemos pra á noite alumar a rota que debe seguir o navío. Foi así como conseguiu ver Eire, a illa onde sempre é verán e hai ríos de mel e mazás todo o ano. Como era Ith sagaz singlador botouse ó mar nun barco de coiro de boi e conquistou a illa verde a onde o vento do sur leva o recender dos fieiteiros e das fragas nosas.

Pero Ith non levou as toupas que tunelan as nosas leiras e enchen de outeiriños de terra con lentura as veigas de noso. A iso imos. Dentro duns días, os habitantes de Irlanda saberán máis da nosa cultura en Cork. E saberán tamén da presenza do toupo que fuza na súa illa. En Dublín, en Limerick, ...

Descansará a toupeira mentres tanto. Á volta, contaremos.

(Fragmentos en cursiva collidos de VIII Fragmentos e Cerco de Ferro, de Darío Xohán Cabana)

16.6.08

Membros e membras


Armouna boa a Ministra Aído ó usar a palabra miembras, creando así un feminino inexistente. Non tardaron dous segundos en tirárselle ó pescozo ducias de vampiros ávidos de sangue de garrida moza gaditana.

Non son eu militante acérrimo da linguaxe non sexista, que por veces chega a límites ridículos con tantas raias e palotes (o/-a) estrados polos textos, pero moléstame a malicia que rezuma detrás de moitos comentarios dirixidos contra este membro feminino do goberno porque creo que, no fondo, non representan unha defensa da linguaxe correcta senón un desprezo a ela, ó seu Ministerio e ó labor que lle encomendaron.

É certo que meteu a pata e que acabou de rematala cando quixo amañar o asunto, pero tamén é certo que houbo quen se cebou con ela coma se queimase a RAE con todos os seus membros dentro. Creo que non habería tal reacción se a pifia procedese dun membro con membro, pero Aído é muller, é nova e encabeza un Ministerio que se cadra estorba ós devotos de santos asilvestrados coma Berlusconi.

Non existirá a palabra miembra pero ben certo é que podería existir. A Ministra non fixo nin máis nin menos ca botar man de camiños moitas veces transitados na diacronía do léxico.

Acaso non tiveron unha orixe similar as palabras sincero ou autodidacta?

En orixe sincero non tiña feminino. En realidade nin era un adxectivo, senón que era a preposición sine (para nós sen) seguida do substantivo cera. Hai quen di que a palabra se orixinou no mundo da escultura, xa que os artistas usaban cera para corrixir as imperfeccións das estatuas de bronce, frecuentes cando o metal non era puro. As figuras que non tiñan estes amaños eran esculturas “sine cera”, ou sexa, auténticas, sen enganos.

Outros din que a orixe está no teatro, onde o normal era que os actores usasen máscaras de cera. Pero algúns facíano a cara descuberta, tal como eran, “sin cera”.

Fose dun xeito ou doutro, o certo é que inicialmente o adxectivo que xurdiu desta construción non tiña equivalente masculino e que a forma rematada en –o se creou máis tarde, ó indentificar erroneamente o –a final como marca de xénero.

O caso de autodidacta, do grego “autodidaktos” é similar, só que neste caso a forma que naceu posteriormente foi a rematada en –a.

Vendo a numantina defensa que se fixo do castelán puro, eu conformaríame con que, cada vez que algún político lle dá un couce no fígado ó galego, alguén reaccionase coa centésima parte dos estacazos que lle caeron a ela. Ah!, claro... trátase do galego e aí vale todo.

Sinceramente, máis grave ca este erro puntual paréceme, por exemplo, o feito de que nos pasaportes españois haxa faltas de ortografía xa que aparece en dúas ocasións o demostrativo con til cando non ten por que levalo ó non haber ambigüidade ningunha. Trátase dun documento oficial de deseño moi coidado, e a linguaxe ben merece o mesmo esmero cás rotas de Colón ou cós camiños migratorios dos morcegos.

NOTA: Se alguén precisa "autoridade", véxase TILDE 2 no Diccionario Panhispánico de Dudas (punto 3.2.1)

9.6.08

Un libro escrito en galego!!!



Non. Nin toleei nin atopei ninguha obra anterior á de Antonio Fernández y Morales (1861), que leva a auga, nin a Cantares de Rosalía (1863), que leva a fama. Explícome:

Co gallo da publicación dun manual de Educación para a cidadanía, Ignacio R. Díaz entrevista para El Progreso (6-6-08) a Manuel Regueiro Tenreiro, autor do libro.

Despois dunha serie de preguntas previsibles, o sagaz xornalista remata a entrevista de xeito sorpredente:

- Por que o libro está escrito en galego?

Non sei que cara poñería quen durante anos foi Director Xeral de Política Lingüística, pero o certo é que soubo salvar a estupidez da pregunta cunha resposta intelixente.

Intervencións así, que agroman de vez en cando na prensa, son evidencias dos complexos que arrastra algunha xente e supoñen un bo indicador da situación sociolingüística do país, onde queda aínda moito que arar para que sexa posible algo tan normal como vivirmos en galego.

3.6.08

Vida social


Unha vez chamáronme insocial e gustoume. Sería peor que me chamasen pusilánime, sibarita, iconoclasta, polígrafo, ecléctico ou calquera desas palabras que impresionan moito pero que cómpre botar man do dicionario para entendelas cabalmente.

Insocial, non. Insocial enténdea todo o mundo, como entende túzaro ou ourizo cacho. Está ó alcance de todos , sen perder por iso certas riminiscencias ancestrais que lle dan corpo á idea, coma se de viño de Barrantes se tratase.

Gustoume. E para facerlle honra e progresar adecuadamente (PA), desde aquela apampo ante a tele, con pizarra e pizarrín para coller apontamentos, cada vez que aparece por alí Vilches ou House -hoxe ración dobre, por certo-. Non atendo nin as urxencias.

Non sei traballar en equipo, non son constante nin disciplinado nin teño a perspectiva necesaria para formar parte de ningún colectivo. Non son tampouco moi dado a participar en xuntanzas masivas, aínda que algunha vez se me ten posto a carne de pita en eventos colectivos de xeito que impresionaría ó mesmo Zuche, se existise.

Con todo, de vez en cando hai propostas que me tentan, coma a Xuntanza de blogueiros nos pendellos de Agolada, á que non asistín porque, por máis que adestro desde que mo recomendou o gran Baltar, non consigo mandar o meu ectoplasma a un sitio e o corpo a outro, e o meu corpo o sábado tiña que estar irremediablemente en Outeiro de Rei.

Pero quero que quede constancia dos meus parabéns a Busto e a cantos traballaron con ilusión e esforzo na organización do encontro. Para outra vez será.

26.5.08

Morrer por uns fonemas


Segundo se conta nunha pasaxe dos Xuíces, os da tribo de Galaad mandábanlle repetir ós fuxitivos a palabra xibolet (=espiga) para averiguar a súa identidade. Se o repetían correctamente, co son inicial palatal, eran dos seus, pero se pronunciaban un /s/ inicial era proba de que eran efraimitas; entón apreixábanos e degolábanos xunto ós areais do Xordán.

O 31 de marzo de 1282 iníciase en Palermo unha revolta contra os ocupantes franceses. Para recoñecer os fuxidos mandábanlles pronunciar a palabra ciciri (=chícharo). Os sicilianos pronuncian perfectamente a sibilante inicial, pero os foráneos pronunciaban sisiri. Isto permitía identificalos para condenalos.

Cando o ditador dominicano Trujillo quixo expulsar os traballadores haitianos, para distinguir os negros dominicanos, de fala castelá, dos haitianos, de fala francesa, a policía mandáballes pronunciar a palabra Trujillo. O iota é difícil de pronunciar para os que non falan castelán. Deste xeito identificaban os negros haitianos que querían expulsar.

Outros din que o facían usando a palabra perro. Neste caso a complicación para os haitianos estaba na vibrante múltiple. O resultado era o mesmo.

Con motivo dunha revolta contra os alemáns, os polacos executaban a todo o que non puidese pronunciar correctamente palabras polacas coma soczewic ou miele. Seica tamén na Segunda Guerra Mundial os ianquis utilizaban a palabra lollapalooza para ver quen era xaponés e quen non, porque os xaponeses pronunciarían todos eses /l/ como /r/.

Agora leo en escalofriante reportaxe de El País (25-05-08) que os negros de Johanesburgo, os mesmos que ata o ano 94 sufriron o apartheid, preguntan como se din en zulú palabras moi concretas para identificar negros procedentes de países coma Mozambique, Zimbawe, Suazilandia, Somalia ou Nixeria. Así recoñecen os amakwerekwere, ou sexa, os que falan distinto, os inmigrantes, ós que inmediatamente tratan de xeito brutal, apealeándoos e saqueándolles o pouco que teñen.

Son distintos tempos, distintas linguas, a mesma atrocidade. Dificilmente se pode imaxinar un uso máis perverso para algo tan fermoso coma un idioma.

19.5.08

Política lingüística e sentido común



1- ALGO DE LEXISLACIÓN
"La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección" (Constitución española).

2-ALGO DE REALIDADE
Cóllase a calquera galego e pídaselle que realice o seguinte exercicio:

Valora, nunha escala do 0 ó 10, a presenza do galego na túa vida nos seguintes ámbitos ((10: todo en galego; 0: nada en galego):

1. A música que escoitas habitualmente
2. Os libros que les habitualmente
3. As webs que visitas con máis frecuencia
4. A prensa escrita que les habitualemente: xornais, revistas, etc.
5. Os programas de TV que ves habitualemente
6. Os programas de radio que escoitas habitualmente
7. A comunicación escrita con outras persoas: chats, SMS’s, e-mails, foros, cartas, postais, etc.
8. As conversas cos amigos
9. As clases que recibes
10. A relación diaria coa túa familia máis próxima.

Calcúlese a valoración media. O curso pasado eu propúxenlles isto ó meu alumnado e os que máis inmersos estaban no galego (10 nos apartados 8 e 10) non chegaban a 4 como valoración global.

E deixei fóra espazos que raramente lles afectan (Igrexa, xustiza, ...) pero que, desde logo, non mellorarían a media.

3- ALGO DE SENTIDIÑO PARA POLÍTICOS (E) PARLANCHÍNS
Teñan en conta os resultados e fagan algo tan simple como realizar propostas aténdose ó marco legal. Iso era o que onte pedían miles de voces en Santiago e tamén lonxe. Salvo algún constitucionalista que esquece que o é cando se mete a columnista, non poño en dúbida que o resto respecta algo tan sagrado como a Constitución. Desde logo, hai quen o ten claro.

12.5.08

Maio do 68, fútbol e outras lerias

Como se cumpren 40 anos, fálase moito estes días do maio do 68 e de todo o que supuxo, pero oio mencionar pouco a chispa que desencadeou a revolta: un partido de fútbol televisado.

Os alumnos da residencia universitaria querían ver un partido de fútbol e a única tele que había estaba na residencia feminina, á que eles non podían acceder. Iso foi o que os alporizou e deu pé a a que montasen a liorta que veu despois.

E que pasaría se a tele estivese na residencia masculina? Pelexarían aqueles mozos para que as mulleres tamén tivesen tele? Non sei, non sei, ... que as mulleres cando hai fútbol adoitan estorbar.

E xa que toca ser realistas e pedir o imposible non sería mala cousa que o rescoldo do 68 servise tamén para que se lle gardase un pouco de respecto ó fútbol, onde hai máis intelecto do que moita xente pensa. Menos mal que chega Guardiola, listo coma un allo, para botar unha man neste duro proceso de dignificación no que algúns nos metemos de vez en cando.

Con todo, volvendo ó 68, a min gústame o mito que se xerou en torno a todo aquelo, que foi máis unha rebelión ca unha revolución porque os do 68 non querían cambiar o mundo. O que lles preocupaba era a súa liberdade individual e o futuro inmediato, se cadra só o 69.

5.5.08

Idiomas en Eurovisión


É O TEMPO DAS UTOPÍAS
Houbo un tempo no que non era raro que no rural galego varios veciños se xuntasen nunha casa a ver a tele. A primeira, por suposto, e en branco e negro, que a penuria do tardofranquismo non daba para máis. Non coma agora que en cada casa o mando a distancia bota fume para escoller entre non sei cantas canles de colores. E máis que están chegando vía TDT, que corre moito máis có AVE e xa bateu de cheo na Fonsagrada vangardista.

O Undoustres de Kiko xuntaba centos de ollos a carón do lume cada semana, pero era o festival de Eurovisión quen rompía o share moito antes de que esa palabra agromase nestas leiras. E velaí volve.

Con Massiel enchéusenos o peito de orgullo lalala, segundo me contan. Nada souben eu en moito tempo de que Serrat quixera inutilmente dicirlle á vella Europa que o catalán tamén existía. Seica Fraga se alporizou un pouco. Non se podían dicir esas cousas al vent, que igual caía unha estaca ben asentada nas costelas. En Eurovisión participaba España e dicir España era dicir castelán se de linguas se trataba. Os outros eramos mudos, seica.

Pero pasou o tempo e un día alguén cantou unha lluropslivinaselebreixon con saltiños ben ridículos e nin queixa houbo. Despois foi blodimeri, por favor e nin queixa houbo. Agora tócalle a un chiquilicuatre que canta media canción en inglés, e nin queixa escoito. Será certo que mudaron os tempos e as vontades?

E que pasaría se alguén propuxese que TVE se representase cunha canción en catalán ou en éuscaro ou en aranés ou en asturiano ou en tamazigh de Ceuta ou en portugués de Olivenza-Badaxoz ou en galego da Fonsagrada TDT?

A irlandesa Sandi Jones cantou en gaélico no 72 en Edimburgo. Francia, país moi pouco dado a recoñecer a diversidade lingüística, mandou no 96 unha voz doce que cantou en bretón unha balada de mensaxe ben fermosa na que se lle pedía ás nais bretoas que criasen os seus fillos nese idioma. Tempos houbo en que Suíza e Bélxica rotaban escrupulosamente as súas linguas para representarse en Eurovisión. Non pode algo así seguir sendo unha fermosa utopía para nós.

Podemos quedar últimos en inglés, que non pasa nada, pero como alguén insinúe a posibilidade de probar sorte noutro dos nosos idiomas, seguramente fervan as ondas divinas e humanas, ondee a bandeira de Trillo con bágoas nos ollos por un estado que rompe e almorcemos cada maña coas letanías xa sabidas.

Tampouco é que a min me quite o sono Eurovisión, pero é algo que me entra pola fiestra ano tras ano e gustaríame que cambiase de cara de vez en cando.

Máis me amola aínda que non lle fagamos o caso debido ó Liet, ese festival alternativo para as linguas silenciadas que se celebra bianualmente, onde o galego sacou peito con Anubía no 92, Uxía no 94 e Narf, que quedou segundo cos ritmos mesturados do seu “lento lamento do temporal” na última edición. Case nada.

28.4.08

A risas coa lingua



Nunha entrevista en Galicia Hoxe (27-4-2008), D. Manuel Fraga di: “...multar a un señor en Cataluña por non rotular en catalán é cousa de risa...” .

Supoño que, como bilingüista harmónico que é, tamén escacharía a rir cando, en 1992, o goberno que el presidía incoou expediente sancionador contra Erika Mel, de Arzúa, por non rotular en castelán.

Chistosos hainos en todos os sitios.

22.4.08

Celso Emilio Ferreiro viaxa en Metro



O teito é de pedra,
de pedra son
os muros i as tebras.

Lembro ben a primeira vez que lin estes versos de Celso Emilio: ía nun vello autobús de Mosquera que me levaba para xogar un partido de fútbol pola sinuosa estrada que vai de Vila de Cruces cara ó val do Ulla. O libro era de Poli, aquel bo futbolista e mellor persoa que acabou nas categorías inferiores do Celta, que ía ó meu lado. Os dous eramos estudantes de ensino medio, os dous xogabamos ó fútbol, os dous liamos.

De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas
son de pedra.

Pasaron 26 anos. Leo estes versos mentres viaxo con dous alumnos que teñen a idade que eu tiña daquela. Van a ó sur de Móstoles para xogar un partido como eu ía daquela. Lémbrome do Longa noite que Poli levaba no bolsillo e que eu devorei aquela tarde.

Pero desta vez leo a Celso Emilio na parede dun vagón do flamante metro de Madrid. Liña 10, enlace con Metrosur. Nada de curvas, nada de paisaxe. En fermosa presentación penduran os versos en versión bilingüe, a dobre columna. Fágollelo ver ós meus alumnos. Sorpréndense. Non sei se é a primeira vez que len a Celso Emilio nin se o van lembrar dentro de 26 anos. Tanto ten.

Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.

Ese é o camiño. Aplaudo a idea veña de quen veña, aínda que sexa da detestable marquesa de Murillo. Ese é o camiño.

Eu non lle pido ó Estado enteiro que saiba falar o meu idioma, pero si que saiba da súa exacta existencia e do que nel facemos, do que vale, do tesouro que todos temos. Que o valore, que o aprecie como eu aprezo a catedral de Burgos ou os muíños de vento do Campo de Criptana.

Mereceu a pena a viaxe, aínda que pasase sen cea. Ese é o camiño.

I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra


(e de fame).

8.4.08

O Cambedo, Gernika, memoria

Motivos que non veñen a conto téñenme estes días a voltas co asedio do Cambedo.

Cambedo. Palabra baleira para moita xente, historia oculta, roubada. Non sei se é peor a brutalidade dos feitos ou tanto silencio máis de 60 anos depois de sucederen.

21 de decembro de 1946. Máis de 1200 soldados, policías, gardas civís e falanxistas asedian e arrasan sen piedade varias casas do Cambedo, unha aldea arraiana duns 200 habitantes, coa excusa de capturar a un grupo de guerrilleiros antifranquistas galegos, oficialmente simples bandoleiros, que supostamente asaltaran un autobús de liña regular entre Braga e Chaves.

Todo, incluído o asalto ó autobús, fora argallado polas autoridades de Franco e Salazar, que tamén se encargaron de manipular o escaso tratamento que a prensa da época deu ós feitos.

Nada souben nunca do asunto ata que lin no número 16 de A Trabe de Ouro (1993) os artigos de Paula Godinho e Carlos G. Reigosa, que inclúe en nota a pé de páxina as valiosas manifestacións de José da Cruz, o sarxento de artillería que dirixiu o bombardeo.

Nenos mortos, vellas mortas, vacas mortas, cans coas tripas arrastro, tellados desfeitos, palleiros e casas ardendo. "Quédame unha bala e esta é para min". Devastación.

Ferrín, en Estirpe, converteu en longo poema esta barbarie:

chumbo no ventre, ollos abertos de nena morta
de garota triste
(...)
Disparo, viaxe ó centro do ollo, a luz que cega, en branco fica mestre Xoán Salgado
(...)
Va señores, que lles digo fogo de morteiro e de metralladora.
(...)
Dous mil contra o Cambedo, lembren Tebas.
(...)
Os palleiros en lapas
vexan como aquel can arrastra un intestino.
Vacas loucas, louquiñas
arden ...

Hai dous días, ante o Gernika, véuseme o Cambedo á memoria, no ano da memoria. E concordo con Bermejo, palabra por palabra. (Libro aberto, 3-12-07, minuto 36 e seguintes).

2.4.08

O galeguismo da cidade da Coruña


César Casal quéixase hoxe na súa colaboración en "La Voz de Galicia" da etiqueta de "antigaleguista" que se lle colgou á cidade da Coruña.

Nun enternecedor artigo o xornalista repasa toda a tradición galeguista da cidade, que non é pouca: Curros, Pondal, Ánxel Casal e a editorial Nós, Vilar Ponte e as Irmandades da Fala, a Real Academia Galega, Pascual Veiga, a Cova Céltica, Domingos Merino,... son nomes unidos para sempre ó galeguismo e á Coruña.

Certo. Eu tamén penso coma el e creo que os coruñeses, en conxunto, apandan cunha imaxe que non lles corresponde, pero tamén deberían ser conscientes de que esa imaxe se creou polos desvaríos dun alcalde que eles aclamaron unha e outra vez, un alcalde que ignorou absolutamente a convocatoria do Blanco Amor cando lle tocou, que gastou cartos de todos en loitar contra un topónimo que a lexislación democraticamente establecida recoñece, que se riu da lei e das sentencias, que aproveitou canto momento puido para facer declaracións ben pouco amables para a nosa cultura, que aínda ornea de vez en cando desde o seu retiro divino.

Con todo, o impresionante pasado galeguista non hai quen llo quite á cidade. Agora só falta que os coruñeses, César Casal incluído, honren esa tradición de vez en cando, porque a memoria hai que regala para que non seque.