Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.4.08

O galeguismo da cidade da Coruña


César Casal quéixase hoxe na súa colaboración en "La Voz de Galicia" da etiqueta de "antigaleguista" que se lle colgou á cidade da Coruña.

Nun enternecedor artigo o xornalista repasa toda a tradición galeguista da cidade, que non é pouca: Curros, Pondal, Ánxel Casal e a editorial Nós, Vilar Ponte e as Irmandades da Fala, a Real Academia Galega, Pascual Veiga, a Cova Céltica, Domingos Merino,... son nomes unidos para sempre ó galeguismo e á Coruña.

Certo. Eu tamén penso coma el e creo que os coruñeses, en conxunto, apandan cunha imaxe que non lles corresponde, pero tamén deberían ser conscientes de que esa imaxe se creou polos desvaríos dun alcalde que eles aclamaron unha e outra vez, un alcalde que ignorou absolutamente a convocatoria do Blanco Amor cando lle tocou, que gastou cartos de todos en loitar contra un topónimo que a lexislación democraticamente establecida recoñece, que se riu da lei e das sentencias, que aproveitou canto momento puido para facer declaracións ben pouco amables para a nosa cultura, que aínda ornea de vez en cando desde o seu retiro divino.

Con todo, o impresionante pasado galeguista non hai quen llo quite á cidade. Agora só falta que os coruñeses, César Casal incluído, honren esa tradición de vez en cando, porque a memoria hai que regala para que non seque.

1 comentario:

Anónimo dixo...

ola ...
... somos Alba e Mélodi ...
queriamos dicirche que te enlazamos ó noso blog:

http://www.espacioblog.com/palomasycorderas

e asi depaso facemonos publicidade da boa ...

una saúdo