Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.4.08

O Cambedo, Gernika, memoria

Motivos que non veñen a conto téñenme estes días a voltas co asedio do Cambedo.

Cambedo. Palabra baleira para moita xente, historia oculta, roubada. Non sei se é peor a brutalidade dos feitos ou tanto silencio máis de 60 anos depois de sucederen.

21 de decembro de 1946. Máis de 1200 soldados, policías, gardas civís e falanxistas asedian e arrasan sen piedade varias casas do Cambedo, unha aldea arraiana duns 200 habitantes, coa excusa de capturar a un grupo de guerrilleiros antifranquistas galegos, oficialmente simples bandoleiros, que supostamente asaltaran un autobús de liña regular entre Braga e Chaves.

Todo, incluído o asalto ó autobús, fora argallado polas autoridades de Franco e Salazar, que tamén se encargaron de manipular o escaso tratamento que a prensa da época deu ós feitos.

Nada souben nunca do asunto ata que lin no número 16 de A Trabe de Ouro (1993) os artigos de Paula Godinho e Carlos G. Reigosa, que inclúe en nota a pé de páxina as valiosas manifestacións de José da Cruz, o sarxento de artillería que dirixiu o bombardeo.

Nenos mortos, vellas mortas, vacas mortas, cans coas tripas arrastro, tellados desfeitos, palleiros e casas ardendo. "Quédame unha bala e esta é para min". Devastación.

Ferrín, en Estirpe, converteu en longo poema esta barbarie:

chumbo no ventre, ollos abertos de nena morta
de garota triste
(...)
Disparo, viaxe ó centro do ollo, a luz que cega, en branco fica mestre Xoán Salgado
(...)
Va señores, que lles digo fogo de morteiro e de metralladora.
(...)
Dous mil contra o Cambedo, lembren Tebas.
(...)
Os palleiros en lapas
vexan como aquel can arrastra un intestino.
Vacas loucas, louquiñas
arden ...

Hai dous días, ante o Gernika, véuseme o Cambedo á memoria, no ano da memoria. E concordo con Bermejo, palabra por palabra. (Libro aberto, 3-12-07, minuto 36 e seguintes).

2 comentarios:

Anónimo dixo...

NOn, non esquecemos, nin tampouco que o torturador Melitón Manzanas ten unha medalla e Arregi, torturado e asasinado en 1981, vai ser expulsado outra vez do mundo, esta simbolicamente.

Carlos Andina dixo...

Ola que tal?
Isto xa o contaches na clase pero engades algun detalle máis.
Gústanme estas historias da Guerra Civil e das Guerras Mundiais pois son cousas que ocorreron hai relativamente pouco tempo e son interesantes.

Un saúdo e bo fin de semana.