Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

3.6.08

Vida social


Unha vez chamáronme insocial e gustoume. Sería peor que me chamasen pusilánime, sibarita, iconoclasta, polígrafo, ecléctico ou calquera desas palabras que impresionan moito pero que cómpre botar man do dicionario para entendelas cabalmente.

Insocial, non. Insocial enténdea todo o mundo, como entende túzaro ou ourizo cacho. Está ó alcance de todos , sen perder por iso certas riminiscencias ancestrais que lle dan corpo á idea, coma se de viño de Barrantes se tratase.

Gustoume. E para facerlle honra e progresar adecuadamente (PA), desde aquela apampo ante a tele, con pizarra e pizarrín para coller apontamentos, cada vez que aparece por alí Vilches ou House -hoxe ración dobre, por certo-. Non atendo nin as urxencias.

Non sei traballar en equipo, non son constante nin disciplinado nin teño a perspectiva necesaria para formar parte de ningún colectivo. Non son tampouco moi dado a participar en xuntanzas masivas, aínda que algunha vez se me ten posto a carne de pita en eventos colectivos de xeito que impresionaría ó mesmo Zuche, se existise.

Con todo, de vez en cando hai propostas que me tentan, coma a Xuntanza de blogueiros nos pendellos de Agolada, á que non asistín porque, por máis que adestro desde que mo recomendou o gran Baltar, non consigo mandar o meu ectoplasma a un sitio e o corpo a outro, e o meu corpo o sábado tiña que estar irremediablemente en Outeiro de Rei.

Pero quero que quede constancia dos meus parabéns a Busto e a cantos traballaron con ilusión e esforzo na organización do encontro. Para outra vez será.

4 comentarios:

busto.agolada dixo...

Amigo Suso: Nin que dicir ten que nos gustaría moito que nos acompañases nunha xornada que resultou un acontecemento entrañable e magnífico. Houbo química entre os blogueiros e o tempo meteorolóxico respectounos o suficiente para saír airosos. Non podiamos pedir máis. Foi unha data para a posteridade. Eu sabía do teu compromiso familiar e de que non che faltaron ganas de compartir connosco este evento, que foi lúdico, cultural, social...
Pero vexo que ti tamén estiveches nun lugar excepcional. Tes razón ao dicir que non posúes o don da ubicuidade. Do contrario, seguro que estarías nos dous sitios.
Unha aperta.

Anónimo dixo...

Parabéns polo desenho do blogue e mais também polos conteúdos. A verdade é que acabo de descobrir este espaço por casualidade...

Nom sei se sabes que Falácia Bilingue vai vir a Ribadeu, eu ali estarei, convém que estejamos tod@s; mas podo entender que nom lhes queiras nem fazer publicidade.

Saudaçons dum ex-aluno teu que todavia te guarda algo de apreço! Aguardo que me reconheças ainda que só seja polo evoluir da norma ortográfica... xD. Umha pista: estudo Filologia galega

Suso dixo...

B., agradezo os parabéns e o aprezo, que é mútuo. Por suposto que te recoñezo. Sóbranme case todos os datos.

Xa sei que os "tangas" (agora Galicia Bilingüe)andan por aquí. Eu fun dos primeiros que me escornei con esta tropa no seu terreo (mira no meu blog a mensaxe do 29-9-2007) e axiña decidín non dedicarlles nin un segundo da miña vida. O mellor é ignoralos.

Este sábado, ademais, vou estar en Lalín, así que nin me paro a pensar se os vou escoitar para vomitar ou se quedo na casa.

A ver se unha fin de semana tomamos un café e falamos con calma de cousas-mil.

Carvalhais dixo...

Convite aceitado! Combinamos quando queiras, a partir do dia 26 estou disponhível!