Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

30.10.15

90 anos do éxito de Antolín S. Mediante en Lugo

Váisenos alá outro mes de outono, como sempre lle chamou miña nai, e a cousa cadra con outra enxurrada de pedradas contra as linguas pequeniñas do noroeste. En Galicia xa estamos afeitos –en realidade un nunca se afai a estas cousas- pero en Asturias parece que os desprezos dos cerebros cativos, por grandes que sexan os seus apelidos, mancan de xeito especial e no día de hoxe ferven as redes contra quen desprezou publicamente o asturiano mentres cobra dos impostos que pagan os asturianos.

 Xuan Bello fala de “vencelos coa intelixencia” e eu doulle a razón á súa lucidez, pero iso non evita as ganas de rematar a vitoria cunhas pedradas ben calculadas, para non mancar máis do necesario.

Váisenos alá outro mes de outono e un volve a mirada a Asturias, cara ás hemerotecas, e decátase de que a cousa cadra co 90 aniversario dunha ampla reseña na prensa arraiana do éxito que obtivo un fillo destas terras no certame literario organizado pola Asociación de Prensa de Lugo co gallo das festas do San Froilán. Falo de Antolín S. Mediante, vencedor do “segundo tema” (mellor poesía en galego) co seu poema “A un muíño desfeito”.

O poeta de Taramundi, que nos últimos anos rescatou do olvido Xoán Babarro, compartiu honra aquel día con D. Ramón Otero Pedrayo e outros, nun acto conducido por Antón Vilar Ponte.

De todo iso dá conta Ecos Vegadenses no seu nº 40, correspondente á 2º quincena de outubro de 1925. E nós recordámolo hoxe porque preferimos dedicarlle atención á xente de boa intención, especialmente ós que dunha banda e outra da ría, compartimos soños e desexos.
Cabeceira de Ecos vegadenses (2ª quincena de outubro de 1925)






Ningún comentario: