Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

16.10.15

A forza que vén de lonxe- XI: Chus Pato en Harvard

A SERIE EMPEZA AQUÍ.

Algunhas veces, a forza chega desde lonxe de rebote. Primeiro ten que marchar.  Marchar desde Ourense, por exemplo, pasando polo Deza e subindo a un avión con destino a ultramar co peito e o corazón ateigado de versos. Palabras que son vida.

Despois vén a entrada no templo da poesía, a Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard, para baleirar os versos alí onde só os mellores teñen tal honra. Só as mellores.

Tal foi, recentemente, a viaxe de Chus Pato. Con ela, Erín Moure, forza de lonxe impagable da que xa demos conta noutra ocasión.

Chus Pato recitou poemas en galego na Woodberry Poetry Room de Harvard; Erín Moure traduciuna ó inglés e o noso idioma queda así gravado para a historia no mesmo espazo onde antes recitaron Ezra Pound, T.S. Elliot, J. Kerouac e outros nomes que pasaron con honra á memoria das letras universais.

Agora vén  ou debía vir o efecto boomerang, a forza que vén de lonxe e chega de novo onda nós. Só uns poucos saben enxergala no medio da néboa: Ana Romaní no seu diario cultural, Xosé Antón Laxe Martiñán que comparte a nova nos eidos de Prolingua...

Os máis, non. Andan demasiado enredados dando conta de cada entrada e saída de Isabel Pantoja na cadea ou dalgún cabazo enorme que apareza nunha leira, que estamos no tempo.  
as letras emerxen da pedra, do máis profundo dos soños

as letras son pinturas con voz

entón a luz cicélaas

e un monllo de aire impulsa as cavernas do corpo

e o berro do animal aprende, soletrea e pronuncia

pronuncia a palabra da parte sen parte
dor dos das que non teñen parte
as letras, esas letras [...]
son ríos, e condénsanse en nubes
e viaxan
E ó viaxaren, a forza dese acto chéganos de volta desde lonxe e dános azos para a esperanza en tempos de desleixo anovado. Aí ó lado. Unha semana si e outra tamén.

Pero non quero ensuciar o momento lembrando a monitora de hípica que causa vergonza ata nos cabalos que a rodean, a viaxeira blablacárica que non quere compartir vehículo cun chófer que fala galego, o empresario de Betanzos que non acata a lei porque lla remiten en galego, ese centro de educación(?) infantil que prohibe o uso da nosa lingua. E non só.

Non quero. Non merecen tanta atención. 
O meu idioma nativo é un conflito lingüístico

A miña historia máis recente pasa pola dificultade de hospedar os antepasados
CONTINÚA AQUÍ

Ningún comentario: