Ultimamente chéganos a través dos medios unha campaña publicitaria de Gas Natural - Fenosa na que se nota que pretenden que se
visibilice a súa galeguidade relacionando a marca Fenosa cos apelidos galegos
(Lodeiro, Carreira, Rosende, Dosil, Taboada, ...).
Aínda que o que nos entra polos ollos é distinto, a mensaxe
que pretenden que nos chegue ó cerebro é a mesma que antes utilizou Gadis
cos seus exitosos “Vivamos como galegos”: somos dos teus, somos galegos e estamos
orgullosos de selo. Esa é a idea.
Tamén outras empresas importantes coma R ou Zara tratan de
explicitar a súa galeguidade como activo diferencial fronte ós competidores.
Son empresas fortes, con capacidade para contratar asesores
ou facer estudos de mercado, e vese que a conclusión é sempre a mesma: o galego
vende, o compromiso co País vende.
Se as pequenas empresas fosen listas, aproveitaríanse desta
idea sen ter que pagar para chegar a ela, pero a maioría seguen empeñadas en
non facelo.
Non se decatan de que usando o galego ou tamén o galego, a
carón doutros idiomas que consideren oportunos, gañaríannos como simpatizantes,
e polo tanto como posibles clientes, a todos os que non nos gusta ver esquecido
o noso idioma.
Non se decatan de que por usaren o galego non perden
clientes e, pola contra, por nun usáreno, si que nos poden perder a outros.
Porque non son eu só o que prefiro mercar un viño galego
etiquetado en galego antes ca un que estea en castelán –suponse que ante
calidade e prezo similar-. Non son eu só o que me nego a comprar unha lata de
zamburiñas que poña na etiqueta La Coruña, Puebla del Caramiñal ou Bayona.
Porque non son eu só o que, se non teño ningunha referencia,
entro antes nun restaurante que me ofrece na porta a carta en galego ca nun que
só a ten en castelán.
Porque non son eu só o que lle dou a “Gústame” ou comparto
nas redes sociais as empresas que demostran sensibilidade coa miña lingua e coa
miña Terra.
Non son eu só o que sinto que cando unha empresa galega usa
só o castelán está esquecendo o meu idioma; e se ademais do castelán usa tamén
outros idiomas e non o galego, non só o está esquecendo senón que o está
desprezando.
O idioma, a sensibilidade co País, é un valor engadido que
empresarialmente dá máis do que quita. Iso sábeo Gas Natural-Fenosa, que me
quere como posible cliente; sábeo Gadis, sábeo R, sábeo Zara, que non por
ofrecer a súa web en galego deixa de ser a máis internacional de cantas
empresas hai; sábeno tamén as ducias de adegueiros que ano tras ano etiquetan
en galego sen que iso sexa impedimento para apareceren na mesa de Obama. Sábeno moitos outros que se agrupan ou non baixo o paraugas do Foro Peinador.
Pero non parecen
sabelo, ou non lles importa, ducias e ducias de pequenas empresas de canta
caste hai, que se deixan levar polos propios prexuízos ou polos de quen lles
faia a publicidade. Será que andan todos sobrados de cash. Pois alá eles...
Ningún comentario:
Publicar un comentario