Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

4.2.13

75 anos sen "Ecos vegadenses", un espazo para o galego no occidente de Asturias


Na segunda quincena de xaneiro cumpríronse 75 anos da saída á rúa do último número de Ecos Vegadenses. Era o 285, segundo anotación feita á man por Eustaquio Lago, director da publicación, sobre o 284 que figura impreso nun exemplar ó que tivemos acceso grazas á xenerosidade da súa filla Amparo, que conserva boa parte dos exemplares desta publicación quincenal, imposibles de atopar en ningún outro sitio.
O contexto
Os anos finais do XIX e os primeiros do XX foron vizosos para o xornalismo na Mariña oriental e no occidente de Asturias. En 1866 Don Norberto Cascante fundou en Ribadeo La Cuenca del Eo e, dous anos despois, El ciudadano, que apenas durou unhas semanas. Con eses dous precedentes, nas seguintes décadas foron xurdindo outras cabeceiras, de vida máis ou menos efémera: El Eo (1879-1880), Las Riberas del Eo (1881-1971), El Occidente de Asturias (1882-1896), Faro de Tapia (1898-1899), El porvenir asturiano (1903-1908), Castropol (1905-1925), El Agricultor (1907-1916), El Ribadense (1909-?), El Avance Asturiano (1911-12), El Río Navia (1913-1936), El Eco de Navia (1916-1930), La Semana Naviense (1913-?), Brisas del Eo (1916-1919), Juventud (1917), La Democracia (1919), La Argallada (1917-1924), La Comarca del Eo (1919-), Vida Boalense (1925-?), El Aldeano (1929-1933), El Franco (1931-?), Horizontes (1932), El Radical del Eo (1932-?), Atalaya (1933-?) e algún outro que seguramente descoñecemos. O número aumentaría se ampliásemos un pouco máis o ámbito territorial, incluíndo Mondoñedo e Foz.
Os artífices
Desde a desaparición de Brisas del Eo, na Veiga non saía á rúa ningunha cabeceira e dous mozos inquedos non quixeron que a vila estivese máis tempo sen un medio de comunicación propio. Así naceu Ecos Vegadenses, subtitulado periódico quincenal independente, que puxo na rúa o seu primeiro número o 1 de marzo de 1924. Os artífices foron Álvaro Fernández Suárez, nacido só dezasete anos antes a uns centos de metros, na beira galega da ría, e Eustaquio Lago Galán, dez anos máis vello, que acabara sendo reloxeiro por herdade familiar pero que sempre tivo unha clara vocación artística. O primeiro, que acabou tendo unha meritoria carreira como escritor, marchou para Madrid ó pouco tempo de saír o xornal para continuar cos seus estudos, así que a publicación quedou baixo responsabilidade única de Eustaquio Lago.
A familia Lago procedía de Riotorto. Pódese dicir que eran dunha casa acomodada, para os tempos que corrían. O pai de Eustaquio descubrira o gusto e as súas habilidades para amañar reloxos sendo estudante no seminario de Mondoñedo, nun establecemento próximo ó que acudía no seu tempo libre. Aquela aprendizaxe afeccionada acabou por ser o seu medio de vida, xa que co tempo abriu na Veiga a reloxería que aínda existe e que agora rexenta un neto.
Eustaquio Lago
Como era habitual na época, o matrimonio tivo moitos fillos e a emigración foi o camiño para algún deles. Así acabou Eustaquio Lago en Bos Aires, con só dezaseis anos, onde manifestou e tratou de formar unha vea artística que sempre mantivo e que lle daría, ó seu regreso, certo nome como pintor, debuxante e autor de talla e gravado. Pero o clima porteño non lle foi saudable, enfermou e iso provocou a súa volta á terra. Contaba que sandara nada máis ver o Cantábrico e, certamente, a saúde acompañouno, xa que faleceu xusto o día no que cumpría 95 anos, o 20 de xaneiro de 1992.
O xornal
Inicialmente, o xornal editábase en Ribadeo, e a partir de 1926 na imprenta Mancebo de Mondoñedo. O formato do primeiro número era de 32 x 44 centímetros, pero xa no segundo pasou a 35 x 50, aínda que anos despois volveu ás dimensións iniciais. Tamén variou a extensión: a maior parte dos números son de catro páxinas, pero houbo etapas de oito e ocasionalmente chegou a doce.
Coma outros xornais de ámbito local, Ecos Vegadenses foi testemuña e deu conta da actualidade máis próxima e tamén das circunstancias históricas que acabaron levando ó golpe de estado de Franco e á guerra, así como dos primeiros anos da mesma. No primeiro número podemos ler unha declaración de intencións: “En estas columnas hallará libre columna todo justo anhelo, toda queja, toda demanda razonada”.
Había información regular da zona e tiña corresponsalías estables en varios lugares do occidente de Asturias e da Mariña oriental. A polémica polo trazado do ferrocarril Ferrol-Xixón, que encheu moitas páxinas da prensa de toda a ría naquelas décadas, estivo presente en varios números, reclamando o seu paso por Porto, como así acabou sendo, mentres que no Castropol e en El ribadense defenderan o paso desde Ribadeo a Castropol, máis ou menos, á altura dos cemiterios das dúas localidades. O articulismo costumista propio da época ocupou bastante espazo, pero tamén a novela folletinesca e outros textos literarios. Tamén o fútbol ou foot-ball, como aparece encabezada a sección nalgún número, tivo espazo case fixo no xornal. Non imaxinaba daquela Eustaquio Lago que unhas décadas despois o seu neto Pablo acabaría sendo futbolista de primeira división. Contan que xa o avó gababa as habilidades co balón que lle vía ó neto cando peloteaban na horta.
O contido completábase con publicidade e con esquelas, que con certa frecuencia ocupaban toda a portada. A partir de 1936, como era obriga, son frecuentes os panexíricos do Caudillo e da súa cruzada, tanto en prosa como en verso. Non son raros os exemplos de artigos que se publican simultaneamente en varios xornais e en lugar preferente. Así, por exemplo, no penúltimo número de Ecos Vegadenses atopamos na portada o artigo “La falange es católica”, asinada polo presbítero J. Rodríguez Fernández, que tamén se publicou na portada de Las Riberas del Eo nas mesmas datas.
O xornal repartíase na zona e tamén se enviaba a outros lugares do Estado e a Sudamérica, onde tiña varios subscritores. Mantivo o mesmo prezo durante toda a súa andaina: 20 céntimos cada número solto, 1 peseta por trimestre para os subscritores e 8,50 cada ano se se remitía ó estranxeiro. Era un custe inferior ó doutros xornais similares, como o Castropol ou Las Riberas del Eo.
Lingua e literatura
O idioma do xornal era maioritariamente o castelán, pero tamén había sitio para o galego. Xa na portada do primeiro número atopamos un poema en galego de Antolín Santos Mediante, poeta e mestre taramundés que foi colaborador habitual dos Ecos Vegadenses. En moitos números figuran os seus poemas en galego, incluso en 1937, e tamén artigos en castelán. Unhas veces asinaba co seu nome e outras botando man de pseudónimos: PAZPALLAR, AESEEME, Laureano Irimia, Un padre de familia católico, Un feligrés, ... Varios deles xa os desvelou Xoán Babarro, que estudou e editou a súa obra, e algún outro podemos descubrilo agora xa que a carón dos pseudónimos, en varios dos exemplares que consultamos figura o que debemos supoñer como nome verdadeiro do autor, escrito á man por Eustaquio Lago. No xornal tamén se celebra o éxito de Santos Mediante na Festa da Poesía Galega, organizada en Lugo polo San Froilán, onde lle concederon o premio ó mellor poema en galego polo seu texto “A un moiño desfeito”.
Ademais, atopamos poemas en galego de Nan de Allariz, de Conrado Villar Loza, de Federico Magadán e de Fernán Alba, pseudónimo de Álvaro Fernández Suárez, cofundador do quincenario. Deste autor publícase tamén nos comezos do xornal a novela por entregas Elena, en castelán.
En prosa, hai artigos en galego de Herminio García Allande e do propio Eustaquio Lago, que asinou co pseudónimo de Un home da caye del sur unha serie de textos, a xeito de cartas entre dous amigos, nos que repasa con humor algúns temas de actualidade local. A maiores, atopamos pequenos fragmentos en galego en artigos redactados en castelán, cando se trata de reproducir palabras textuais dos labregos.
Ecos Vegadenses recolle tamén textos con vocación de asturianidade. En concreto, hai varias series de copliñas populares que aparecen baixo o nome de Coplas asturianas e un poema de Bernardo Acevedo titulado Joyas del bable, que nos lembra a defensa que fai Rosalía do galego e de Galicia fronte a Castela nalgúns poemas de Cantares Gallegos
Non, castillanos, non; mi alma
por más que i-déis cien vueltas,
vuestra llengua fede a moro,
y a cuchu francés apiesta,
mientres q’al viellu llatín
sólo arreciende la nuestra.
 Tamén se inclúen varios textos costumistas en castelán cargados de trazos do asturiano, asinados por Adeflor, pseudónimo correspondente a Alfredo García García.
Remate
Coma toda empresa xornalística, non resultou doada a súa subsistencia desde a perspectiva económica, pero a pinga que colmou o vaso e provocou a súa desaparición foi un feito en principio intranscendente: como era frecuente nos xornais deste tipo, Ecos Vegadenses daba conta da chegada e partida de viaxeiros. Nun dos últimos números, informou da viaxe dunha autoridade local e cadrou que non contaba con permiso para facela. Non se saben as consecuencias que a descuberta da mesma tivo para o persoeiro, pero non deberon ser poucas, porque as súas presións contra o xornal foron tantas que na segunda quincena de xaneiro de 1938, Eustaquio Lago decidiu poñer fin a aquela empresa que o ocupara e ilusionara durante catorce anos.

3 comentarios:

Anónimo dixo...
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.
Anónimo dixo...

El Eco de Navia nace no 1916.
Carlos Aenlle.

Suso F. Acevedo dixo...

Graciñas pola corrección, Carlos. Xa o modifiquei.