Na segunda quincena de xaneiro cumpríronse
75 anos da saída á rúa do último número de Ecos
Vegadenses. Era o 285, segundo anotación feita á man por Eustaquio Lago,
director da publicación, sobre o 284 que figura impreso nun exemplar ó que
tivemos acceso grazas á xenerosidade da súa filla Amparo, que conserva boa
parte dos exemplares desta publicación quincenal, imposibles de atopar en
ningún outro sitio.
O contexto
Os anos finais do XIX e os primeiros
do XX foron vizosos para o xornalismo na Mariña oriental e no occidente de
Asturias. En 1866 Don Norberto Cascante fundou en Ribadeo La
Cuenca del Eo e, dous anos despois, El
ciudadano, que apenas durou unhas semanas. Con eses dous precedentes, nas
seguintes décadas foron xurdindo outras cabeceiras, de vida máis ou menos
efémera: El Eo (1879-1880), Las
Riberas del Eo (1881-1971), El Occidente de Asturias (1882-1896),
Faro
de Tapia (1898-1899), El porvenir
asturiano (1903-1908), Castropol (1905-1925),
El Agricultor (1907-1916),
El
Ribadense (1909-?), El Avance Asturiano (1911-12),
El
Río Navia (1913-1936), El Eco de Navia (1916-1930),
La
Semana Naviense (1913-?), Brisas del Eo (1916-1919),
Juventud (1917), La Democracia (1919), La
Argallada (1917-1924), La Comarca del Eo (1919-), Vida
Boalense (1925-?), El Aldeano (1929-1933),
El
Franco (1931-?), Horizontes
(1932), El Radical del Eo (1932-?), Atalaya
(1933-?)
e algún outro que seguramente descoñecemos. O número aumentaría se ampliásemos
un pouco máis o ámbito territorial, incluíndo Mondoñedo e Foz.
Os
artífices
Desde a desaparición de Brisas del Eo, na Veiga non saía á rúa
ningunha cabeceira e dous mozos inquedos non quixeron que a vila estivese máis
tempo sen un medio de comunicación propio. Así naceu Ecos Vegadenses, subtitulado periódico
quincenal independente, que puxo na rúa o seu primeiro número o 1 de marzo
de 1924. Os artífices foron Álvaro Fernández Suárez, nacido só dezasete anos
antes a uns centos de metros, na beira galega da ría, e Eustaquio Lago Galán, dez
anos máis vello, que acabara sendo reloxeiro por herdade familiar pero que sempre
tivo unha clara vocación artística. O primeiro, que acabou tendo unha meritoria
carreira como escritor, marchou para Madrid ó pouco tempo de saír o xornal para
continuar cos seus estudos, así que a publicación quedou baixo responsabilidade
única de Eustaquio Lago.
A familia Lago procedía de
Riotorto. Pódese dicir que eran dunha casa acomodada, para os tempos que
corrían. O pai de Eustaquio descubrira o gusto e as súas habilidades para
amañar reloxos sendo estudante no seminario de Mondoñedo, nun establecemento
próximo ó que acudía no seu tempo libre. Aquela aprendizaxe afeccionada acabou
por ser o seu medio de vida, xa que co tempo abriu na Veiga a reloxería que
aínda existe e que agora rexenta un neto.
Eustaquio Lago |
O
xornal
Inicialmente, o xornal editábase
en Ribadeo, e a partir de 1926 na imprenta Mancebo de Mondoñedo. O formato do
primeiro número era de 32 x 44 centímetros, pero xa no segundo pasou a 35 x 50,
aínda que anos despois volveu ás dimensións iniciais. Tamén variou a extensión:
a maior parte dos números son de catro páxinas, pero houbo etapas de oito e
ocasionalmente chegou a doce.
Coma outros xornais de ámbito
local, Ecos Vegadenses foi testemuña
e deu conta da actualidade máis próxima e tamén das circunstancias históricas
que acabaron levando ó golpe de estado de Franco e á guerra, así como dos
primeiros anos da mesma. No primeiro número podemos ler unha declaración de
intencións: “En estas columnas hallará libre columna todo justo anhelo, toda
queja, toda demanda razonada”.
Había información regular da zona
e tiña corresponsalías estables en varios lugares do occidente de Asturias e da
Mariña oriental. A polémica polo trazado do ferrocarril Ferrol-Xixón, que
encheu moitas páxinas da prensa de toda a ría naquelas décadas, estivo presente
en varios números, reclamando o seu paso por Porto, como así acabou sendo,
mentres que no Castropol e en El ribadense defenderan o paso desde
Ribadeo a Castropol, máis ou menos, á altura dos cemiterios das dúas
localidades. O articulismo costumista propio da época ocupou bastante espazo,
pero tamén a novela folletinesca e outros textos literarios. Tamén o fútbol ou foot-ball, como aparece encabezada a
sección nalgún número, tivo espazo case fixo no xornal. Non imaxinaba daquela
Eustaquio Lago que unhas décadas despois o seu neto Pablo acabaría sendo futbolista
de primeira división. Contan que xa o avó gababa as habilidades co balón que
lle vía ó neto cando peloteaban na horta.
O contido completábase con
publicidade e con esquelas, que con certa frecuencia ocupaban toda a portada. A
partir de 1936, como era obriga, son frecuentes os panexíricos do Caudillo e da
súa cruzada, tanto en prosa como en verso. Non son raros os exemplos de artigos
que se publican simultaneamente en varios xornais e en lugar preferente. Así,
por exemplo, no penúltimo número de Ecos
Vegadenses atopamos na portada o artigo “La falange es católica”, asinada
polo presbítero J. Rodríguez Fernández, que tamén se publicou na portada de Las Riberas del Eo nas mesmas datas.
O xornal repartíase na zona e
tamén se enviaba a outros lugares do Estado e a Sudamérica, onde tiña varios
subscritores. Mantivo o mesmo prezo durante toda a súa andaina: 20 céntimos
cada número solto, 1 peseta por trimestre para os subscritores e 8,50 cada ano
se se remitía ó estranxeiro. Era un custe inferior ó doutros xornais similares,
como o Castropol ou Las Riberas del Eo.
Lingua
e literatura
O idioma do xornal era
maioritariamente o castelán, pero tamén había sitio para o galego. Xa na
portada do primeiro número atopamos un poema en galego de Antolín Santos Mediante, poeta e mestre
taramundés que foi colaborador habitual dos Ecos
Vegadenses. En moitos números figuran os seus poemas en galego, incluso en
1937, e tamén artigos en castelán. Unhas veces asinaba co seu nome e outras
botando man de pseudónimos: PAZPALLAR, AESEEME, Laureano Irimia, Un padre de
familia católico, Un feligrés, ... Varios deles xa os desvelou Xoán Babarro,
que estudou e editou a súa obra, e algún outro podemos descubrilo agora xa que
a carón dos pseudónimos, en varios dos exemplares que consultamos figura o que
debemos supoñer como nome verdadeiro do autor, escrito á man por Eustaquio
Lago. No xornal tamén se celebra o éxito de Santos Mediante na Festa da Poesía
Galega, organizada en Lugo polo San Froilán, onde lle concederon o premio ó
mellor poema en galego polo seu texto “A un moiño desfeito”.
Ademais, atopamos poemas en galego
de Nan de Allariz, de Conrado Villar Loza, de Federico Magadán e de Fernán
Alba, pseudónimo de Álvaro Fernández Suárez, cofundador do quincenario. Deste
autor publícase tamén nos comezos do xornal a novela por entregas Elena, en castelán.
En prosa, hai artigos en galego de
Herminio García Allande e do propio Eustaquio Lago, que asinou co pseudónimo de
Un home da caye del sur unha serie de
textos, a xeito de cartas entre dous amigos, nos que repasa con humor algúns
temas de actualidade local. A maiores, atopamos pequenos fragmentos en galego
en artigos redactados en castelán, cando se trata de reproducir palabras
textuais dos labregos.
Ecos
Vegadenses recolle tamén textos con vocación de asturianidade. En
concreto, hai varias series de copliñas populares que aparecen baixo o nome de Coplas asturianas e un poema de Bernardo Acevedo titulado Joyas del bable, que
nos lembra a defensa que fai Rosalía do galego e de Galicia fronte a Castela
nalgúns poemas de Cantares Gallegos:
Non, castillanos, non; mi alma
por más que i-déis cien vueltas,
vuestra llengua fede a moro,
y a cuchu francés apiesta,
mientres q’al viellu llatín
sólo arreciende la nuestra.
Tamén se inclúen varios textos costumistas en castelán cargados de
trazos do asturiano, asinados por Adeflor, pseudónimo correspondente a Alfredo
García García.
Remate
Coma toda empresa xornalística,
non resultou doada a súa subsistencia desde a perspectiva económica, pero a
pinga que colmou o vaso e provocou a súa desaparición foi un feito en principio
intranscendente: como era frecuente nos xornais deste tipo, Ecos Vegadenses daba conta da chegada e
partida de viaxeiros. Nun dos últimos números, informou da viaxe dunha
autoridade local e cadrou que non contaba con permiso para facela. Non se saben
as consecuencias que a descuberta da mesma tivo para o persoeiro, pero non
deberon ser poucas, porque as súas presións contra o xornal foron tantas que na
segunda quincena de xaneiro de 1938, Eustaquio Lago decidiu poñer fin a aquela
empresa que o ocupara e ilusionara durante catorce anos.
3 comentarios:
El Eco de Navia nace no 1916.
Carlos Aenlle.
Graciñas pola corrección, Carlos. Xa o modifiquei.
Publicar un comentario