Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.6.12

Compostela. Libros. Lapelas.


I
Praza de abastos (Santiago)
Compostela (non sei por que, pero se lle chamo Santiago paréceme que vou escribir unha guía de viaxes ou un billete de autobús). Había ben tempo que non tiña tanto vagar para andar as rúas sen apuro. Desta volta si. Durante unhas horas xoguei a ser viandante sen destino, peregrino que foxe da catedral, visitante mudo que non quere estorbar tanta paz e tanta pedra.

Ten encanto Compostela. Aínda que o día estea de chuvia e eu teña frío por saír desabrigado á mañá cedo da Mariña, co sol por riba da torre. Ando rúas baixo o orballo.

II
Tamén andei de librerías. Xa un perdeu o costume de ver tanto libro xunto con tempo abondo para remexer. Non busco ningún, igual que antes non busquei nada polas rúas. Acaso só recordos. Teñen que ser eles, os libros escollidos, os que aparezan e me convenzan, se é que queren acompañarme á beiramar do norte. Os ollos foxen das coleccións uniformes e vánseme ás rarezas:

Collage, de Esther F. Carrodeguas, é unha caixiña de follas soltas que se poden barallar e ler na orde que se queira. Mil historias nunha sóa. A primeira vez que vin algo así foi en La saga/fuga de JB, creo, pero era unha cousa máis sinxeliña, con menos combinacións. A min non me gusta o xogo. O autor ten que escoller. Non vale agachar a covardía ou a indecisión baixo aparencia de enxeño. É que non me veñan coa leria do lector activo. O lector abondo fai pasando as páxinas.


Celso Fernández Sanmartín xuntou en Gratas e boas novas unha morea de fotos, postais e cartas de emigrantes coma as que seguramente hai ou houbo en centos de casas galegas. Pero así editadas campan ben e parece que contan unha historia especialmente conmovedora. Campan ben pero entristécenme. Bastante emigración levo eu encima.

En Facer Merzbau non ou posible reatópome con David Creus. Creo que non souben nada del desde que compartimos unhas cervexas no Ribanzo, hai xa tempo, unha noite de domingo. Lembro aquela noite, por suposto, e lembro impresionado o día que David me falou da terrible mordida do congro. Con el reparei tamén na tristeza dos ollos das vacas.

Despois reclamaron a miña atención Nimbos de luz na insua dos poetas, unha fermosa homenaxe a Díaz Castro, O libro dos cans, de Estevo Creus, pero este non o puiden follear porque estaba plastificado. Un erro, creo eu. Ninguén compra o que non pode ver primeiro. Porén, agora descubro que foi unha sorte, porque anda por aí voando en pdf.

O certo é que vin moitas rarezas. Moito argalla a xente. Pero non hai que deixarse levar polas aparencias, polo que nos entra de primeiras polos ollos. O importante é o currículo, saber da man que está detrás de todo, e para iso non hai nada mellor que ler as lapelas.

Por iso levei Afasia, un vello libro dun vello amigo, porque lle vin escrita unha referencia fundamental sobre a vida do autor: 
Obtivo a cualificación de APTO na proba teórica do carnet de conducir o 18-XI-96 na Autoescola Río Miño.
Quedo coa dúbida de se a estas alturas Cordal terá tamén aprobada a proba práctica ou se andará de furtivo polo Corgo.

E tamén Amores patolóxicos, de Ana Silva, porque empeza “Contan que nacín cuberta de xeada, que tiveron que desconxelarme ás présas no microondas, para que comezara a respirar…”.

III
É que hai experiencias que marcan para sempre. 

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Teño entendido que si, que Cordal aprobou o práctico e que despois dunha fase fitipaldi fíxose un condutor prudente. Moitas apertas!

Suso F. Acevedo dixo...

Cordal e a prudencia metidos nun mesmo ser...! Velaí un home botado a perder (a non ser que a prudencia sexa só ó volante). Unha aperta, amigo.

Paz Zeltia dixo...

poucas veces temos tempo ou humor para deambular e mirar para as cousas con ollos de estranxeiro...

e di: como resultaron de satisfactorias as adquisicións?