Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.6.12

Isolousas


I
Hoxe andou por Ribadeo o vello amigo Carlos Ius falando da súa Orella pendella e, como pontevedrés que acabou sendo, chamáronlle a atención os tellados de lousa propios do norte. Para el este post que tiña esbozado desde hai uns días.

II
Se as isoglosas son liñas imaxinarias que delimitan variantes dialectais, supoño que non será ningún disparate chamarlle isolousas ás liñas imaxinarias que delimitan o territorio nos cales os tellados son de lousa.

Pois a iso me dediquei o xoves da semana pasada. Saín de Ribadeo cando aínda non puxeran xente nas rúas nin coches nas estradas (a foto da fé do que conto). Como tampouco puxeran aínda ideas serias no meu cerebro e as da radio xa me resultan cansinas, decidín dedicarme a investigar as isolousas.

Nunca tanto tellado negro vira eu ata que vin para a Mariña e houbo un tempo no cal me preguntaba se os nenos de por aquí pintarían de negro os tellados das casas dos seus debuxos, como os ven na realidade, ou de vermello, como acostuman a saír nos contos infantís. Cando preguntei, creo que me dixeron que os pintaban vermellos coma os dos contos. Xa se sabe que a realidade case nunca é verdade.

Deume por fixarme ata onde chega o territorio da lousa negra nos tellados. Xa sei que podía calmar a curiosidade con google earth, pero preferín comprobalo eu mesmo. Non vaia ser que google earth sexa un decorado de mentira.

Sen contar casos illados de recente construción, polo que puiden ver, en dirección a Santiago a lousa chega con regularidade nas construcións tradicionais ata Teixeiro. Alí xa predominan os tellados colorados; antes, manda o negro.

E ben cediño entrei eu en Santiago co ímpeto de Almanzor, con esa valiosa información na cabeciña. Entrei nun bar, pedín un café e un cruasán, e cando a camareira me deixou todo encima da mesa pensei en contarlle o meu descubrimento isolóusico, pero pareceume que non lle interesaba o asunto. Déixoo aquí, por se a alguén lle importa.

7 comentarios:

Melodi Parga Otero dixo...

Que eu recorde ... sempre pintei lousados en vez de tellados...

Suso F. Acevedo dixo...

Bah! Os celeiraos sempre fostes xente moi particular. Ata lle fixestes poemas a Urtain. (A que non o sabías?)

Lady Caverna dixo...

Non sabía ... pero sabía que lle faciamos poemas a corvos, iso si.

Suso F. Acevedo dixo...

Un día cóntoche o de Urtain. (Ti sabes quen foi Urtain?)

Lady Caverna dixo...

hmmm soame a boxeador ...

Paz Zeltia dixo...

pois eu, que viaxei moi pouco, unha das primeiras sensacións de "estar de viaxe" vai asociada a que os tellados das casas cambiaban a lousas.

Dende A Coruña, grazas por esa información ben curiosa

Marlene dixo...

Na provincia de Guadalajara souberon aproveitar o atractivo da arquitectura feita con lousas e inventaron a "ruta de la arquitectura negra". Nós deberiamos facer o mesmo e tirarlle rédito ó noso patrimonio, a ver se así a xente se anima a coidalo e conservalo. Bicos,graciñas por esta entrada tan provocadora de morriña nos que estamos fóra.