Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.2.12

Seara

Leo desde lonxe unha entrevista con Pintor co gallo da presentación en Lalín de Seara. Leo desde lonxe e aplaudo calado desde o fondo da bancada. Leo, sorrío e lembro.

Sorrío coa primeira resposta, cando explica a orixe de Máis vidas: unha desculpa cos animais maltratados nos xogos da infancia -saltóns con pallas espetadas para convertelos en helicópteros, moscas sen alas para que non voasen,…-. Sorrío porque tamén eu deixei coxos os saltóns, eivadas as bolboretas, pillei rulas con ichós e seguei vidas de paxaros espreitando calado debaixo das cerdeiras: papo á vista, balinazo, poff,  plumiñas voando e caída en picado do merlo larpeiro. Tamén me valían os paporrubios inocentes. Que San Seprona me perdoe. Aínda hei ter que escribir un libro en desagravio.

Lembro. 1971. A miña galiñescola. Unha morea de libros encima da mesa do mestre da democracia –como dixo Manolo aquela noite entre os carballos-, que nos miraba desde a portada coas mans no peto, rodeado de ollos incomprensibles, tristeiros. Exemplares de Gándaras. Non sei cando o lin con xeito por primeira vez, que daquela se cadra non sabía abondo. O que sei é que houbo un día no que se me meteu na alma “Escribeu o fillo desde Dusseldorf / ...”. Interioriceino ó meu xeito, que tamén un apandou co seu Dusseldorf. A emigración. Pero eu non viña aquí a espirme ante vós...

Sigo lendo a entrevista e atopo o “tour” por Quián. O mesmo tour emotivo que un día Pintor me brindou nunha tarde de verán que acabou en diluvio e case despelote no cuberto, para enxoitármonos. Aínda rimos co naufraxio!

Seara. 330 páxinas de versos que exactamente agora, cando o reloxo marca as 20:32, Pintor sementará ós aires de Lalín para que o vento os leve desde Quián ata o Morrazo. Eu aplaudo calado desde o fondo da bancada beiranorte e fágolle a réplica cos dous primeiros poemas de Gándaras, que quedaron fóra da ceifa: Xa brilan, xa veñen alén dos fachos da noite, os anxos. (…) Toliño me din. Vai toliño! Voltan os cans a ladrar. Tamén eles merecen estar, que abriron o camiño.

1 comentario:

Rosa Varela dixo...

Que pracer escoitar a Pintor, o sempre xeneroso Pintor.
Rosa Varela.