Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

1.3.10

"Hestoria tapecida"


Runna Pentti sentou na barra dun porto do golfo de Riga e mirou as ondas que batían unha e outra vez contra unha lancha. Runna Pentti era poeta. Formárano en ruso pero el sentiu que tiña que escribir en estonio, unha lingua ridiculizada ata o extremo e que xa só falaban campesiños e borrachos nos portos de Haapsalu. E Runna Pentti escribiu uns corenta libros nos que, segundo Alfred Solov, reconstruíu unha e outra vez aquel instante na ribeira do Báltico.

Cóntanos todo isto Xuan Bello, o mellor escritor en asturiano e quen sabe se asturiano sen o en, en La hestoria tapecida. Xuan Bello é un poeta que leva tempo escribindo en prosa o mesmo verso. Engaioloume hai uns anos a Hestoria universal de Paniceiros como me engaiolou agora La hestoria tapecida. Lera inédito “La perspectiva de la eternidá”, un dese relatos de fronteiras que a min tanto me gustan, que naceu hai uns anos no Cantón de Ribadeo e que o autor me mandara xa daquela. Coñecín agora a historia de Fanny, a avoa que viñera de cerca de Odessa, dunha aldea que ela sabía nomear en yiddish e que xa non se dá atopado porque ninguén sabe como se chama en ruso ou en ucraíno. Coñecín a bisavoa Olimpia, que emigrou a Bos Aires porque un veciño entrou na casa e pasou ante ela co sombreiro posto, e negouse a vivir nun sitio onde os cabaleiros non se descobren ante as damas. Coñecín a Nuno, que chegou de Cabo Verde a Lisboa falando krioulo e pensando que o portugués só se escribía, e chorou de desarraigo cando llo oíu falar ó pai por vez primeira. Coñecín hestorias que falan de Uviéu, de Nairobi, de L.luarca, de Coímbra, Braga, Xixón, Roma, El Pandiel.lu, ... historias que en realidade falan sempre de Paniceiros.

Rematei o libro estomballado encima da cama, cun ollo na ventá esperando o saúdo túzaro de Xinthya e outro ollo posto nas historias que esconden a tristeza de quen contestou máis dunha vez a pregunta máis temida. E Mafalda Veiga, sempre tan presente, non estaba alí para salvalo. Nese tempo de tensa calma, esperando esa tormenta perfecta que me inquieta estrañamente máis ca outras, remato o penúltimo capítulo, “El cabu del mundu”, e decátome de que o título coincide co da última novela de Xabier Quiroga, O cabo do mundo , na que o autor do Saviñao reescribe outra vez as mesmas sensacións que xa me deixara en Atuado na braña, a mellor novela galega das que lin a comezos de século, xunto con As rulas de Bakunin. Porque tamén me parece que Xabier Quiroga está sempre reescribindo o mesmo libro.

Ás veces penso que tamén eu levo tempo reescribindo o mesmo post, e cavilo en deixalo así, sen despedidas que tanto me amargan, e penso que ninguén ha de preguntar nin polo seguinte post nin por min mesmo. Pero acabo volvendo. Será que os que imos tendo unha idade estamos sempre botando man do trasacordo, pelexando sempre cos matices.

Disque Runna Pentti comprendeu aquela tarde no golfo de Riga que todo sucede para volver suceder, e escribiu corenta libros na lingua dos campesiños e dos borrachos dos portos de Haapsalu para retratar unha e outra vez, demorada e namoradamente, o mesmo instante: un mozo senta no peirao e sente no corazón a navallada do desexo contraditorio de quedar ou de fuxir. Desde aquel porto do Báltico chegaban en tempos á Península mercadorías que entraban polo porto de Ribadeo e que despois se distribuían por aí abaixo. Entre elas, o kummel, que Risco cita en O porco de pé no festín de D. Celidonio onde o Dr. Alveiros bebeu o seu fracaso; o kummel, que seica se pedía nos bos bares de Madrid chamándolle licor de Ribadeo, onde aínda queda xente que conserva botellas e a onde me chegan arestora todos estes fíos enguedellados.

6 comentarios:

Xavier dixo...

Xa tiña gañas de volver a Bello, despois de Paniceiros e de La nieve y otros complementos circunstanciales. E xa me abriches o apetito, Suso. Aínda eu de ir lelo a Salas calquera fin de semana. :-)

Paloma dixo...

Eu si que preguntaría polo seguinte post!!

Marlene dixo...

Eu tamén!

Anónimo dixo...

No sé si habrás leído a todos los escritores en asturiano para opinar eso.
Si de veras opinas con conocimiento de causa, enhorabuena, pues leerse toda la producción literaria en asturiano requiere verdadero interés por este lengua. Desde Asturias te damos las gracias por dedicar a nuestra literatura tanto tiempo y tanto interés.
Nacho

Suso F. Acevedo dixo...

Nacho,
Estou seguro de que es consciente de que o que dis é unha parvada, xa que ninguén le todos os escritores de ningún sistema literario, e aínda así fanse de todas as literaturas valoracións coma a que eu fago da asturiana.

Evidentemente, trátase dunha valoración persoal, subxectiva, coma todas, pero non creo que faga dano ningún.

Sexa como sexa, si que che digo que teño interese pola literatura en asturiano, e espero que os autores que a cultivan teñan o recoñecemento que merecen, porque moitas veces parece que todo o que non está en castelán non existe.
Saúdos

Suso F. Acevedo dixo...

Mira,
Non che me vou postular eu como o gran valedor da literatura asturiana, e malo se non ten outros defensores que fagan máis ca min, pero tampouco creo que lle faga mal ningún convidando escritores asturianos ó meu instituto, procurando que haxa libros seus na biblioteca, buscando ocasión para falarlles deles de vez en cando ós meus alumnos e escribindo algo, nunca negativo, sobre algúns deles no meu blog.
De todos modos, estou seguro de que ti fas moito máis.
Saúdos