Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

25.3.10

Libros, lugares, momentos

Non gardo memoria das circunstancias nas que lin a maior parte dos libros que fun debullando ó longo da miña vida. Pola contra, hai uns cantos que asocio inevitablemente con momentos e lugares concretos:

Xa contei noutra ocasión que a primeira lectura de Longa noite de pedra tráeme á cabeza unha viaxe en autobús por terras de Ponte Ledesma para ir xogar un partido de fútbol. Con pólvora e magnolias lévame ó bar Os Porches, en Santiago, con música de Mike Oldfield soando na máquina. O Molloy, de Beckett, lino a golpes de té con leite nunha habitación do Viacambre, en 1º de Facultade. Baleas e baleas, de Luísa Castro, recórdame o regreso de Lisboa nun comboio destartalado. E así pasa con algúns outros.

Moito me temo que As razóis d'Anxélica, de Aurora García Rivas, vai quedar inevitablemente unida ás interminables horas nun garito de Urxencias escoitando como música de fondo o pi pi pi pi pi pi do monitor que marca a liña da vida de quen me deu vida, co medo sempre a que perda os pes e deixe os is desvalidos co seu piiiiiiiiiiiiiiitido irreversible. Merecía mellor sorte a novela de Aurora, pero non andan os tempos moi de cara.

Boto a cabeza un par de días fóra do zulo e volvo reparar en cousas que habitualmente me ocupan. Non entendo nada. Non sei a que xogan Valedores, Conselleiros, Presidentes e outras xentes do País. Mañá volvo ó zulo. Visto o visto, aínda hei ter que agradecelo.

5 comentarios:

Alex Ghalpon dixo...

O Pensa Nao de Anxo Angueira foi o primeiro libro que puiden ler despois de dous meses. Despois dos dous meses que viñeron despois daquela semana pendente dunha desas máquinas e dos seus pitidos.
Pouco se pode dicir que non soe a obvio ou xa dito. Mais son palabras amigas que se cadra desprazan o son dos pitidos.
Mándoche un feixe de bicos pra que resoen

busto.agolada dixo...

Moita saúde cordial para Aurora e unha aperta solidaria para quen está pendente dos pitidos, que desexamnos cadenciosos.

Suso dixo...

Uf!
Como lea isto Aurora vaia susto vai levar, Busto.

Creo que o meu post era un pouco ambiguo. Aclároo: quen está hospitalizado e meu pai, quen estaba pendente dos pitidos -xa vai mellor- era eu, e mentres lía a última novela de Aurora García Rivas.

Graciñas, de todos modos, polo interese.
Tamén a ti, Xandra, e a outros que vos interesastes pola situación en privado.Todo vai mellor.

Anónimo dixo...

Nun penséis, nun m'asusto así como así. Boa salú pra teu pai,qué se mellore. Espero que leas a miña novela cando poidas e, se queres opinar, tou aberta ó bon y ó malo.
Un saludo.
Aurora

Aurora García Rivas dixo...

Éste é o problema de tar tan desmemoriada, as miñas disculpas, Suso. Non me acordaba. Outra novela con intención, xahora, pro nun facía falta tanta cousa, parécemo agora.
Hei deixarche por Toni, unha Via muerta pró Instituto, alo menos que quede de recordo.
Un abrazo. Aurora