Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

31.3.10

Escafulindo das circunstancias

Son longas as horas. Os encamados falan e un pensa no que lle cadra.

I
Meu pai cóntame por enésima vez as historias do Val d’Arán, onde traballou antes de eu nacer:

Tardaron polo menos dez anos en facer aquel túnel. Antes, no inverno, seica había semanas nas que estaban incomunicados. Só se daba entrado alí por Francia, pero non por baixo.

Eu penso desde o meu terreo: Se cadra é precisamente por iso polo que existe o aranés.

II
O da cama do lado -47 anos en Arxentina- fala de cando a mili, co seu acento de alá:

En Navarra estábamos varios gallegos. Todos los domingos nos llevaban a misa. Y un día el cura suelta en medio del sermón:
- Madres que tenéis hijas, encerradlas, que hay gallegos cerca.

El Capitán, sin esperar ni un segundo, grita en medio de la misa:
- A formar, ar!
- Media vuelta, ar!

Nos sacó a todos de misa y no nos volvió a llevar en toda la mili.

III
Aínda bo foi; Rosa Díez aplaudiríalle ó cura. O pai enlaza:

Tamén unha vez marcharon uns canteiros polo medio dunha misa. Había unha cuadrilla traballando nun sitio e empezaron a aparecer mozas preñadas. Ós homes do lugar non lles gustou aquelo e armaron para darlles unha malleira á saída da misa. Pero o cura, que sabía o verbo dos arxinas, aproveitou o sermón para avisalos:

-Arxinas que quilastes e non xaspeastes, escafulide da keikoa, que cando anisquedes os verceiros quérenvos acalmar*.

E así pasan as horas.

REMATE: Levo días observando a comunicación entre médicos, enfermeiras/os e pacientes e chego a unha conclusión: co perfil que abunda, só un insensato pode cuestionar a necesidade de que os profesionais da medicina teñan coñecementos de galego.

NOTA: Interésanme os matices lingüísticos de todo o anterior, non os comportamentos, que ben sei que darían para falar...

*- Canteiros que fodestes sen pagar, fuxide da misa que, cando saiades, os veciños quérenvos pegar.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Teu pai sabe o verbo dos arxinas?
A Donicela.

Suso F. Acevedo dixo...

Querida comadriña,
Se lle preguntases a el, diríache algo así: "Aínda que traballei do que lle cadrou, eu empecei de canteiro e aprendín o verbo cos compañeiros máis vellos. Agora xa non me acordo de moitas cousas, pero daquela falábao coma os máis".
E xusto despois de dicirche que xa non se acorda, empezaría a dicirche unha restra de palabras que daría para un bo anaco de dicionario.
Saúdos
Suso

Ulmo de Arxila dixo...

chincaina, xaminorio, morrión, ciba, xosca, araniños, estufar, axabolir, bai do, ghranduboio, ghandir, melgho... Palabras que por si soas xa teñen a sonoridade dun poema.