Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

13.8.08

Os meus visitantes - I: os lugares.



Agosto é mes de rutinas rotas e tamén a min me apetece escribir sobre algo distinto: falareivos de vós mesmos, visitantes do meu blogue.

Ese simboliño con tres columniñas de cores que hai no fondo de todo, na esquerda, dime de vós máis do que pensades. Contareivos algúns dos segredos que me desvela nas noites de lúa chea.

Sei que no que vai do 2008 entrastes na toupeira case 5.000 veces, desde 50 países distintos.

Gustaríame vervos as caras ós responsables das visitas únicas chegadas desde Andorra (17 de xaneiro), Antillas Holandesas (7 de agosto) , Bulgaria (3 de agosto), A China (3 de agosto), Noruega (31 de xullo), Vietnam (14 de xaneiro), India (20 de xullo, e non sigo dando as datas que me canso), Suecia, Irlanda, Eslovaquia, Costa Rica, República Checa, Australia, Rumanía, Liechtenstein, Marrocos, Hungría, Korea do Sur, Finlandia e Paraguai.

Gustaríame saber, igualmente, desde que ignoto lugar entrou o 28 de maio a única persoa que logrou non quedar ubicada. Acaso un marciano?

Tamén sei que me visitastes dúas veces desde Israel, Austria, Xapón, El Salvador, Polonia e Honduras. E tres desde Puerto Rico, República Dominicana, Uruguai e Dinamarca.

En cinco ocasións entrastes desde Suíza, Bolivia e Guatemala. Seis desde Ecuador e Países Baixos. Nove desde Italia.

E os máis asiduos, máis de dez veces, entrastes desde Portugal, Francia, Alemania, Perú, Brasil, Venezuela, Arxentina, EEUU, Chile, Colombia, México, Gran Bretaña e España.

Outro día dígovos o motivo que vos levou a min, que tamén o sei.

Ningún comentario: