Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.8.08

Ríos


Gústanme as cidades con río. Pero as que miran para el e lle fan caso; non as que só o usan para convertelo en patio traseiro das casas e tirar o lixo para que o coman as troitas.

Hai cidades que teñen río e nin se decatan. Non se miran nel. Madrid, por exemplo, nunca saca o Manzanares nas súas postais. Porto, pola contra, cánsase de retratar o Douro e as súas pontes.

A habitación do meu hotel de Limerick estaba encima do río e encantábame mirar pasar a auga e os parrulos. Non é a primeira vez que me refiro aquí a auga e a parrulos.

Me encantan las ciudades con río”, leo en El club de la memoria. Vaia, ho! Un xa non pode ser orixinal en nada.

Cunqueiro seica lle chamou a Galicia é o país dos dez mil ríos, pero os ríos teñen pouca presenza na literatura galega. E cando aparecen case sempre é cun papel secundario. O propio Cunqueiro non lles fixo moito caso.

Lembro agora o Barbaña onde Ferrín afogou o meu tocaio

“— Manolito. Manolito. O Suso afogou onte no río. O Suso afogou onte no río. Erguínme e mirei o río. Era día grande. Non había né­boa.”

e o Miño que Curros puxo a parolar coa locomotora:

“E ti, río dos grandes destinos
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos
requeimadas as fouces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.”

O Miño e o Barbaña. Quedan dez mil menos dous sen usar. Todos vosos, escritores.

2 comentarios:

Mélodi dixo...

Cando era pequerrecha ... que ricas as troitas do Masma no prato da merenda ... saudiños dende Celeiro ^^

busto.agolada dixo...

A min tamén me gustan os pobos que se miran no río, verbigracia Allariz, que viviu a súa revolución e metamorfose desde os coidados ao río Arnoia. Monforte trata de pórlle remedio ao Cabe, Sarria ten un malecón precioso con paseo á beira do Ouribio e xa ves Lalín desde que coverteu ao Pontiñas de regato en río.
Unha aperta.