Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

12.7.08

A fala dos nenos que poden escoller

Conta Paco Sánchez a observación que lle fai alguén ante o comportamento lingüístico duns nenos vascos: estaban falando castelán entre si e éuscaro coa profesora.

A reacción non me é nova. Hai algún tempo visitei o Museo do Prado cun grupo de alumnos e o primeiro que me dixo a guía que contrataramos previamente, despois do saúdo protocolario, foi:

- ¿Y cómo lleváis ahora en Galicia lo de la imposición del gallego?

Andan tan certos de teren a verdade absoluta que nin se molestan en tantear o interlocutor. Custoume traballo non prescindir inmediatamente dos seus servizos, pero optei por tratar de desbrozar un pouco tanta ignorancia. Como non tiña á man os meus tópicos, recordeille o que nos últimos tempos lles lin máis dunha vez a xornalistas coñecedores da situación galega e madrileña como Ónega ou Reigosa: Madrid é actualmente a Comunidade peor informada de todo o Estado.

Cando logramos reestablecer minimamente as relacións diplomáticas, a mulleriña aquela acabou falándome dunha excursión de cataláns na que os alumnos falaban castelán entre si e catalán coa profesora. O mesmiño que o que conta Paco Sánchez.

Eu non sei se é algunha consigna ou unha idea que pariu alguén con intencións perversas, algo así como insinuar que os profesores lles impoñen ós alumnos un idioma distinto ó que eles escollen.

Polo de pronto, eses nenos saben falar dous idiomas e poida que máis aínda, e non un só como pretenden os tangas monolingües ou os intelectuais que se manifestan en defensa de quen non precisa defensa. O reparto xa o farán como queiran cando medren.

1 comentario:

Paco Sánchez dixo...

Un ollar de sospeita non axuda a descubrir a realidade das cousas. Grazas, amigo Suso.