Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

11.7.08

O tigre celta - II: a Guinnes



Ten o seu mérito nos tempos que corren converter unha bebida alcohólica en símbolo de identidade sen que actúe a ONU ou os da adoración nocturna, pero o certo é que a Guinnes é o mellor embaixador que ten Irlanda. Máis ca Joyce, seguramente.

Eu pensaba que era un mito iso de que se nota a diferenza entre unha pinta ben tirada e unha que non se tirou como é debido, pero nótase. Tamén é certo que para saborear unha ben sabedeira hai que ter paciencia, pero merece a pena a espera e pódese enredar o tempo observando todo o proceso.

Unha pinta ben tirade seica aguanta unha moeda de euro pousada na escuma. Eu vin como a un tipo de Valladolid lle tragou un céntimo a que estaba tomando mentres Torres marcaba ese gol que deu a volta ó mundo. Ou a pinta se emocionou co acerto do dianteiro medio-galego ou non estaba tirada con todas as da lei.

Ninguén me debuxou o trevo na escuma, pero seica hai sitios onde o fan. Paréceme ben. Se hai quen se dedica ó latte-art non vexo que mal hai en facer Guinnes-art. A arte é o que ten, que está ó alcance de todos. Eu mesmo estou pensando en converterme no primeiro artista de Limp-art. A miña modalidade vai consistir en facer debuxos na vitrocerámica co produto ese que se lle bota para que brille coma a patena. Se cadra chámolle Vitro-art, que farda máis.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Se algun afastado día acabo en ben a carreira, non sufro de crise económica e me fago cun capital decente para montar a miña modesta galeria de arte ... penso patentarche o vitro-art. Mentras tanto vai teorizando o invento. Saúdos dende Celeiro ...