Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

22.4.08

Celso Emilio Ferreiro viaxa en Metro



O teito é de pedra,
de pedra son
os muros i as tebras.

Lembro ben a primeira vez que lin estes versos de Celso Emilio: ía nun vello autobús de Mosquera que me levaba para xogar un partido de fútbol pola sinuosa estrada que vai de Vila de Cruces cara ó val do Ulla. O libro era de Poli, aquel bo futbolista e mellor persoa que acabou nas categorías inferiores do Celta, que ía ó meu lado. Os dous eramos estudantes de ensino medio, os dous xogabamos ó fútbol, os dous liamos.

De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas
son de pedra.

Pasaron 26 anos. Leo estes versos mentres viaxo con dous alumnos que teñen a idade que eu tiña daquela. Van a ó sur de Móstoles para xogar un partido como eu ía daquela. Lémbrome do Longa noite que Poli levaba no bolsillo e que eu devorei aquela tarde.

Pero desta vez leo a Celso Emilio na parede dun vagón do flamante metro de Madrid. Liña 10, enlace con Metrosur. Nada de curvas, nada de paisaxe. En fermosa presentación penduran os versos en versión bilingüe, a dobre columna. Fágollelo ver ós meus alumnos. Sorpréndense. Non sei se é a primeira vez que len a Celso Emilio nin se o van lembrar dentro de 26 anos. Tanto ten.

Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.

Ese é o camiño. Aplaudo a idea veña de quen veña, aínda que sexa da detestable marquesa de Murillo. Ese é o camiño.

Eu non lle pido ó Estado enteiro que saiba falar o meu idioma, pero si que saiba da súa exacta existencia e do que nel facemos, do que vale, do tesouro que todos temos. Que o valore, que o aprecie como eu aprezo a catedral de Burgos ou os muíños de vento do Campo de Criptana.

Mereceu a pena a viaxe, aínda que pasase sen cea. Ese é o camiño.

I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra


(e de fame).

4 comentarios:

Carlos Andina dixo...

Ola Suso!

Este artigo gústoume moito.
Eche ben raro ver un futbolista (polo menos do meu equipo si) cun libro na man e menos no bus.

Tamén me acordo de que hai unhas clases tamen falaches da catedral de Burgos non sei moi ben para que.

Un saúdo.

busto.agolada dixo...

Boa maneira de conmemorar o día do libro con esta lembranza do primeiro contacto con Celso Emilio Ferreiro, un dos meus poetas predilecto.
Coñezo a varios futbolistas lectores, ou a varios bos lectores futbolistas. Aínda que non abonden.
Unha aperta, Suso.

busto.agolada dixo...

Canto sinto que non poidas estar connosco o 31 de maio.
Moitas apertas.

Toño Randeeira dixo...

A longa noite de pedra, versión rock, feita por un bo amigo.
Un saúdo.
http://www.myspace.com/grupoarredemo