Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.7.07

San Andrés de Teixido: volve morto quen chega vivo

Onte estiven en San Andrés de Teixido. Alí seica vai de morto quen non foi de vivo, e a min iso de ir de lagarto dáme reparo.

De todos os xeitos, eu creo que o dito está mal. Seguro que o correcto é:

  • San Andrés de Teixido,
  • volve morto quen chega vivo.

    Porque é difícil sobrevivir a tantos estímulos. Velaquí algúns.

    - A estrada que leva ata alí, sobre todo se se vai desde Cedeira.
    - As aberracións urbanísticas. ¿Ninguén terá unha máquina desas que tiran con todo de catro labazadas e un minutiño libre para usala?
    - Os cans que andan ceibos coma os lagartos, cheirando canta canela se lle achega. Algún acabará facendo das súas.
    - As trangalladas que se venden. A maioría parecen sacadas dun bazar chinés.
    - O letreiro NOPOT ABLE, así escrito, que hai na fonte.
    - A colección de klínex que hai colgada nos ramallos do carreiro que leva ó mar. Supoño que antes a xente ataba panos de seda, pero agora case todo o mundo usa papel e aquelo parece calquera cousa menos un ritual amoroso.

    Menos mal que despois pillei o solpor no cabo Ortegal e iso compensou tanto desastre, como proba a foto de Álvaro.

6 comentarios:

Anónimo dixo...

Tes toda a razón. O historial desa desfeita iníciase no primeiro intento de revitalización turística do enclave sagrado, levado a cabo pola Deputación da Coruña. Eles calearon as pedras nobres tipo figurín. Ao seu favor, a estrada -antes non había-, que custa caro manter enteira porque a Nosa Terra, como dicimos os dalí, aínda que nacésemos na Coruña, ten nesas alturas un clima duro polo inverno. Para quitares a desolación kitsch de enriba, recoméndoche o libro de Federico Manciñeira, que debe andar por algunha libraría, con algo de sorte, onde poderás ver como era a festa a principios de século, con fotos en branco e negro e atinados apuntamentos de campo.

Saúde desde O Corgo, meu.

Anónimo dixo...

Non puxen que foi a Deputación franquista da Coruña a responsable desas primeiras actuacións a principios dos setenta -coido-, con aquel simpático cartel que indicaba "San Andrés de Teijido". Un arriscado erudito local de Cedeira tamén publicou un libro onde tira a etimoloxía dese "Teijido" do grego, con letra "ji" incluída.

Anónimo dixo...

E aínda haberá quen diga que "toda la vida se te dijo San Andrés de Teijido (ou Tejido, xa non sei)" e que querer devolver ao topónimo a súa forma filoloxicamente correcta non son máis ca imposicións de malvados nacionalistas... boh.

Anónimo dixo...

Pois de "San Andrés de Teijido" non me lembro ben, será por que cando estiven alí non sabía andar aínda. O que teño ben coñecido é o "Barquero" coas súas tres pontes, de "Ortiguera" mellor non falo, e nin falar tampouco dunha que dixo: Yo no hablo gallego que si no parezco del medio del monte (é que ela non de Viveiro, é de "Vivero")

Suso F. Acevedo dixo...

Ola Mélodi,
Benvida á sección de comentarios do meu blog.
Bo nadal (ou era verán?) É que con este tempo...

Suso F. Acevedo dixo...

Por certo,
Eses que escriben por aí antes de ti ándanche polos apuntes de literatura deste ano. Podes xogar a averiguar quen son.