O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado o o 22 de setembro de 2004, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia establece, entre outros aspectos:
2.1.27. Na educación secundaria obrigatoria garantir que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego. Dentro das posibilidades de cada centro, tenderase a que entre as materias que se impartan nese idioma figuren as matemáticas e a tecnoloxía, á parte das que xa están legalmente establecidas.
O Plan Xeral redactouse e aprobouse cando gobernaba o PP, sendo presidente D. Manuel Fraga e Conselleiro de Educación D. Celso Currás. Daquela nin Feijoo nin ningún outro político dixeron nada en contra do Plan. Tampouco escribiu nada en contra ningún columnista.
O Decreto 124/2007, do 28 de xuño establece:
Artigo 9º.- Educación secundaria obrigatoria.
1. Na educación secundaria obrigatoria impartiranse en galego as seguintes materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando a materia de ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía, por un lado, e física e química, por outro, ambas as dúas materias impartiranse en galego.
2. Ademais das materias establecidas na epígrafe anterior, o claustro completará o número de materias, excluída a materia que a Lei orgánica de educación determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan xeral da normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004 que se inclúe como anexo a este decreto.
3. A educación secundaria obrigatoria proporcionaralle a todo o alumnado unha boa competencia nas dúas linguas oficiais que repercuta de forma positiva no seu uso.
Cando se consensuou o Decreto, en febreiro do 2007, o PP aceptou a redacción do borrador e cando se fixo público ningún columnista falou de inmersión. En xuño de 2007 o PP rexeitou o Decreto e algún columnista non tardou nin unha semana en criticalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario