Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

19.1.25

"Entre a vontade e o destino", de Xosé Henrique Costas


Se agora nos fixesen un exame sobre a nosa historia nos séculos VIII e IX, probablemente tivésemos pouco que dicir. É un período da nosa historia que non nos contaron ou que nos contaron daquela maneira.

Un xeito de saber algo máis daqueles tempos, desa nosa historia que nos negaron ou que nos terxiversaron é ler as novelas de Xosé Henrique Costas, autor da triloxía Banu Marwan: a estirpe do galego.  A primeira entrega foi Ao sur da liberdade, publicada a finais do 2023, con gran éxito de crítica e de público. A finais do 2024 saíu á venda o segundo volume, Entre a vontade e o destino, que non só leva o mesmo camiño do primeiro, senón que está gustando aínda máis.

Non temos intención de atribuírlle etiquetas ás obras do amigo Quique nin autoridade para facelo, pero desde logo sería inxusto colgarlle só o cualificativo de novela histórica. Como mínimo, cómpre cualificalas tamén de novela de aventuras, de amor, e no primeiro volume incluso de picaresca. Se Ao sur da liberdade era claramente itinerante, Entre a vontade e o destino é máis estática e case toda a acción sucede en Mérida, onde o protagonista acaba accedendo a importantes cargos. Se na primeira o lector acababa solidarizándose claramente co personaxe, que tiña que fuxir da súa terra cara o sur para librarse dunha condena por algo que non cometera, na segunda a identificación co personaxe resulta máis complicada, porque malia as súas boas intencións (a vontade) acaba corrompéndose (o destino), aínda que sexa por unha boa causa.

O que atopamos tanto nun título coma no outro é un galego riquísimo, intencionadamente arcaizante porque así o pide o tempo no que nos sitúa a historia. Con todo, o contexto é suficiente para comprender o sentido da maioría dos vocablos e, por se non fose así, o autor inclúe un glosario final que nos soluciona as dúbidas que puidese haber. Repiten tamén os irmáns Picallo como ilustradores, engadíndolle atractivo a unhas novelas que xa o son de seu.

E como tampouco son crítico literario nin pretendo selo, remato dicindo que foi un pracer acompañar o autor na presentación en Ribadeo de Entre a vontade e o destino e agardamos xa ansiosos a aparición do terceiro volume, que seica se vai titular O señor de Badallouce 


Ningún comentario: